Comezan os preparativos para a Feira do Viño de Quiroga

QUIROGA

ROI FERNANDEZ

A próxima edición será entre o 20 e 21 de abril, e os colleiteiros poderán inscribirse ata o día 19 deste mes

02 feb 2019 . Actualizado a las 10:49 h.

Na casa consistorial de Quiroga celebrouse a primeira reunión preparatoria da 37 edición da Feira do Viño da localidade, que se celebrará entre o 20 e o 21 de abril. No encontro tratouse das diferentes actividades que se incluirán no programa, como o concurso Quiroga de Tapas, a carreira popular e o Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, que se celebrará por cuarta vez na vila. Na reunión marcouse por outra parte o próximo día 19 como data límite para que se inscriban os colleiteiros interesados en participar na feira. A comisión organizadora estableceu que haberá un máximo de doce adegas.

En canto aos requisitos mínimos que deberán cumprir os viños, o límite será de doce graos de alcohol para os brancos e de 11,5 para os tintos. En acidez volátil, o máximo permitido é de 0,5 graos de acético por litro para os brancos e de 0,6 para os tintos. Por outro lado, cada expositor deberá dospone dunha cantidade mínima de duascentas botellas de branco e 250 de tinto para presentar na feira, e outra cantidade igual ou superior na adega. Os colleiteiros cuxos viños sexan seleccionados para participar na feira deberán abonar cen euros e entregar mostras que deberán superar unha análise organoléptica e unha cata popular dos membros da Confraría do Viño de Quiroga.

Na imaxe sobre estas liñas, varios integrantes da referida confraría nunha edición anterior da Feira do Viño de Quiroga.