Árbores senlleiras que non medran

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

QUIROGA

O teixo de Cereixido quedou fóra da lista.
O teixo de Cereixido quedou fóra da lista. r.f.< / span> < / span>

Na nova versión do catálogo de monumentos vexetais da Xunta sobra un derrubado por un vendaval, desapareceu outro que segue vivo e faltan outros que ben podían aparecer

06 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A nova edición do Catálogo de Árbores Senlleiras elaborado pola Consellería de Medio Ambiente non presenta cambios significativos con respecto á anterior no que toca aos municipios do sur lucense. No inventario deste ano figuran trece exemplares situados na zona, un menos que os que estaban catalogados con anterioridade. O que non aparece esta vez e o teixo centenario situado na localidade de Cereixido, no municipio de Quiroga. Ao lado desta omisión, chama a atención o feito de que segue presente na lista a nogueira monumental de Licín, no Saviñao, que se derrumbou hai máis dun ano despois do paso da borrasca Qumaira.

Exceptuando a desaparición do teixo de Cereixido, o novo catálogo mantense exactamente igual que o precedente. As demais árbores inventariadas nesta lista son as mesmas que xa figuraban antes. O municipio que conta con máis exemplares reseñados é Carballedo, onde se sinalan cinco carballos centenarios, que reciben os nomes de Pazo de Cartelos, Bustelo de Abaixo, Casa do Herdeiro, Casa Grande e Mestre. As outras árbores catalogadas están en Monforte -un freixo-, Taboada -un carballo-, A Pobra do Brollón -unha sobreira-, Folgoso do Courel -un castiñeiro-, Pantón -un ameneiro- e O Incio, onde se mencionan un ciprés e un plátano. O catálogo contén ademais unha sección dedicada ás formacións singulares, na que aparece un único bosque do sur lucense, a chamada Devesa de Cartelos, un conxunto de carballos situado no municipio de Carballedo.

As cinco árbores inventariadas en Carballedo, por outra parte, tamén están incluídas desde hai anos no catálogo Leyendas Vivas, elaborado pola Fundación Biodiversidad. A entidade interesouse por estas árbores grazas a unha suxestión do antigo concelleiro Orestes Suárez, xa falecido.

Numerosas omisións

Deste xeito, o catálogo da Xunta segue deixando de lado numerosas árbores e formacións boscosas do sur lucense que se caracterizan por un especial valor medioambiental, algo que foi criticado hai anos polo biólogo Javier Guitián. En opinión deste investigador, a lista debería incluír tamén un bon número de exemplares e grupos de carballos, castiñeiros, teixos, sobreiras, faias, e acivros repartidos pola zona, así como os grandes soutos da Serra do Courel.