Grazas, don Anxo

Rosana Prieto TRIBUNA

PANTÓN

Funeral del sacerdote Ángel Gómez en la iglesia de la Compañía
Funeral del sacerdote Ángel Gómez en la iglesia de la Compañía CARLOS CORTÉS

26 ene 2026 . Actualizado a las 11:16 h.

Comezaba a semana cunha das partidas máis sentidas no concello de Pantón: a de don Ángel, ese ser que soubo ser paz na guerra e calma nas convulsións. Choran a románicas pedras do Mosteiro, hoxe integradas na parroquia de Eiré. Choran as parroquias que levou e todo o concello. Este home bo deixou Doade de Amandi un día de feira de 1961 porque en boa hora foi enviado a Eiré, a primeira das parroquias que levou no noso municipio.

Cunha historia longa, xusta e inabarcable, mantivo e practicou que «a relixión é facer o ben, tanto ten desde que lado» e así, sen xulgar, con comprensión e empatía, logrou a paz en fogares e familias nas que as necesidades materiais e espirituais eran dabondo para chegar a xulgalas. Un anxo na terra en toda a expresión da palabra. Sinxelo nas formas, practicaba unha depurada espiritualidade e unha persecución pola xustiza e o ben que foi tan transversal como magnífica, e así o demostran moitos feitos biográficos. Saiban por exemplo que foi testamenteiro de Xan dos Forcados, ateo confeso, e confesor diario de ortodoxos católicos a quen lle levaba a comuñón á casa. Máis que pola palabra, a súa pegada queda polas innumerables accións boas que realizou máis alá do labor pastoral. Se cadra sería axeitado recoller en textos apócrifos parte das accións, vida e obra deste anxo.

O pobo de Pantón estará sempre en débeda con el. Discreto, eficaz e sabio deixa semente de bondade e unha pegada indeleble. No material e no moral axudou a moitas persoas e familias a saír adiante, en moitos casos con recursos de seu. Iso non debía esquecerse e promover no rueiro de Pantón algunha lembranza para el. Coñecelo e tratalo foi un pracer que lle agradezo á vida e á estirpe, xa que era o crego de Eiré, berce da saga Florines. Marchou o corpo, mais fica a semente. Levou canda el mil segredos da nosa xente e outros tantos afectos sinceros que o farán eterno. Non atopo as palabras para expresar o profundo agarimo e respecto que moitas persoas do meu concello lle tributamos, pero gustaríame deixar reflexo con estas letras por causa da súa partida.

Grazas por ter estado nas nosas vidas, por todas a verbas e accións de xustiza, por tecer sorrisos nas nosas existencias, por encher de pan algunhas casas e de esperanza outras tantas ánimas.

por facer o ben e axudar ao pobo,

polos apoios, sorrisos e palabras,

polas horas de vida entregadas e por esa eternidade gañada. Por sempre, grazas.