Actúa hoxe (9 de agosto) en Ferreira de Pantón e mañá en San Xoán de Río
08 ago 2024 . Actualizado a las 21:57 h.O actor e humorista Alberte Montes, natural dos Anguieiros, no Concello de Quiroga, atópase de minixira pola Ribeira Sacra. Montes, coñecido polo seu traballo en televisión e nos escenarios, presentará o seu novo espectáculo titulado Patrón nos concellos de Pantón e San Xoán de Río.
A primeira parada desta xira será o venres 9 de agosto, ás 22:00 horas, na Praza do Concello de Pantón. Ao día seguinte, sábado 10 de agosto, o humorista actuará no Centro Social de San Xoán de Río ás 20:00 horas. Esta última actuación insírese no circuíto REAOU (Rede de Auditorios Provincial de Ourense), cofinanciado pola Deputación de Ourense.
Patrón é un espectáculo que rende homenaxe a unha figura icónica da cultura galega: o patrón. Alberte Montes, que xa supera os mil monólogos en directo, reflexiona con humor sobre o proceso de “empatronamento” que sente estar experimentando, unha evolución persoal que o leva a adoptar certos tics e manías do seu pai, ao que tamén rende tributo neste espectáculo.
A carreira de Alberte Montes abarca múltiples facetas. Ademais de ser cómico, é actor con experiencia en series de éxito como Fariña e El Pueblo. Montes tamén é coñecido polo seu traballo como colaborador en programas de humor como Land Rober e Luar na TVG, así como por participar en proxectos da canle Gol TV e da Cadena SER. Actualmente, contribúe cunha sección semanal en Ràdio 4 de RNE en Catalunya e é co-creador do podcast 'Bueno Carallo Bueno'.
Montes demostra unha vez máis a súa versatilidade e a súa conexión coa cultura galega a través dun espectáculo que promete combinar risas e reflexións sobre a vida e a identidade galega.