Javier Gómez Vila: «Falta moitísimo por saber sobre os romanos na Ribeira Sacra»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

PANTÓN

Javier Gómez Vila ofrecerá o venres unha charla en Pantón
Javier Gómez Vila ofrecerá o venres unha charla en Pantón ALBERTO LÓPEZ

O historiador dará unha conferencia sobre a romanización do territorio nas Xornadas da Rota do Románico de Pantón

23 jun 2022 . Actualizado a las 19:27 h.

O historiador lucense Javier Gómez Vila participará nas Xornadas da Rota do Románico de Pantón cunha conferencia sobre «A presenza romana na Ribeira Sacra» que se ofrecerá o venres —a partir das oito da tarde— na Casa de Cultura de Ferreira. Profesor do instituto Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, Gómez é doutor en historia antiga e ten publicado diversos estudos sobre a numismática, as vías de comunicación e os xacementos arqueolóxicos da época romana no territorio lucense.

—Falta moito por descubrir sobre a pegada romana na Ribeira Sacra comparado co que xa se sabe?

—O que falta por saber é moitísimo e creo que dentro duns anos, co que se vaia descubrindo, ao mellor hai que darlle a volta ao que pensamos actualmente, o que por outra parte é algo moi frecuente na arqueoloxía. Hai que ter en conta que neste territorio hai varios xacementos romanos moi importantes que apenas están estudados e que poden revelar moitas cousas cando se investiguen en profundidade.

—Cales son eses lugares?

—Un deles é Proendos, en Sober, no que xa se fixo un traballo importante, pero a investigación dese xacemento non fixo máis que comezar. Outro é o das parroquias de Santiago e San Vicente de Castillón, en Pantón, que foi escavado parcialmente polo arqueólogo Felipe Arias na década de 1980, pero desde entón non se fixo nada máis. E en Chantada está o xacemento de Quintá de Agrade, onde non houbo máis que unha pequena intervención de urxencia en 1993, cando apareceron algúns restos arqueolóxicos ao facer unha obra. Outra cuestión que está aínda sen aclarar é onde se encontra o famoso Castro Dactonio, que puido estar en Monforte pero tamén noutros lugares.

—Aparte da minería do ouro, que outras actividades económicas puido haber neste territorio na época romana?

—Polo que se está vendo nas recentes escavacións, todo indica que en Proendos houbo un sistema organizado de produción e almacenamento de cereais. A este respecto, é moi curioso que nas escavacións do castro prerromano de Arxeriz —no Saviñao— se descubrisen varias construcións para almacenar cereais. En Quintá de Agrade hai indicios de que se producía liño.

—Que relacións puideron existir nesa época entre a Ribeira Sacra e outras partes de Galicia?

—Tense falado de posibles relacións con Lucus Augusti, pero teño a teoría de que talvez houbo un vínculo entre este territorio e o campamento romano de Aquis Querquennis, no municipio ourensán de Bande. Foi un asentamento moi relevante e penso que é moi posible que os militares dese campamento desenvolvesen diferentes actividades no territorio do que hoxe é a Ribeira Sacra. Eu doulle moitísima importancia aos militares, porque na época romana eles controlaban practicamente todo: as explotacións mineiras, as vías de comunicación...

—A orixe da viticultura na Ribeira Sacra tense atribuído tradicionalmente aos romanos.

—Iso era algo que se daba practicamente por seguro nos tempos nos que eu cursaba os estudos universitarios, pero de momento non hai ningunha proba arqueolóxica de que neses tempos se producise viño nin na Ribeira Sacra nin no resto de Galicia. As únicas evidencias que temos por agora, coas datacións que se fixeron na Pobra do Brollón, é que as terrazas vitícolas desa zona son do século X, da Idade Media. Pero na arqueoloxía non hai verdades absolutas e non se pode descartar a posibilidade de que máis adiante se descubran cousas que nos obriguen a revisar o que o hoxe pensamos.