Vicente Feijoo: «A microtoponimia pode ser útil no turismo e na loita contra os incendios»

PANTÓN

Vicente Feijoo é  o coordinador do seminario de toponimia da Real Academia Galega e do proxecto Galicia Nomeada
Vicente Feijoo é o coordinador do seminario de toponimia da Real Academia Galega e do proxecto Galicia Nomeada PACO RODRÍGUEZ

O coordinador da plataforma Galicia Nomeada presentou en Pantón a nova campaña deste proxecto de recollida de nomes tradicionais de lugares

25 oct 2022 . Actualizado a las 12:39 h.

O filólogo Vicente Feijoo Ares, coordinador do seminario de toponimia da Real Academia Galega, presentou o venres en Pantón —dentro das Xornadas da Rota do Románico— unha nova campaña do proxecto Galicia Nomeada. Este é o primeiro dos municipios galegos onde se presenta este ano a iniciativa, que ten por finalidade conservar a denominada microtoponimia, é dicir, os nomes de lugares que se conservan unicamente na tradición oral e que non están recollidos en ningún documento.

—Por que se decidiu iniciar a campaña en Pantón?

—Porque neste municipio xa se fixo hai anos un importante labor de recollida de microtoponimia —dentro dun proxecto anterior que se chamaba Toponimia de Galicia—, pero o traballo quedou incompleto. Nesa ocasión, o Concello contratou a unha investigadora que recolleu microtopónimos dunha boa parte do municipio, pero quedan sete parroquias nas que o traballo non se chegou a facer. No proxecto Galicia Nomeada pedimos a colaboración de voluntarios e por iso o presentamos en Pantón, para animar ás persoas interesadas a completar este traballo de recollida.

—Como poden colaborar os voluntarios?

—As persoas que queiran participar neste proxecto poden descargar nos seus teléfonos móbiles unha aplicación que permite xeolocalizar un lugar determinado e indicar o nome tradicional que lle dan os veciños. Eses lugares poden ser de todo tipo: camiños, fontes, prados, viñas, antigos muíños... Trátase de recoller o maior número posible deses nomes tradicionais que non aparecen reflectidos nos mapas oficiais nin no catastro, para evitar que se perda a súa memoria. Os voluntarios só teñen que darse de alta como usuarios rexistrados e os nomes que recollan deben ser validados por expertos en toponimia da Real Academia Galega.

—Recoller eses nomes de lugar ten algunha utilidade práctica?

—Ademais de axudar a preservar unha parte moi importante do patrimonio cultural e lingüístico, inventariar todos estes topónimos tamén pode ter varios usos prácticos. Por exemplo, na loita contra os incendios forestais, porque pode axudar aos servizos de extinción a localizar con maior precisión a rapidez un lugar onde haxa lume. E tamén pode ser útil para promover o turismo, porque o coñecemento deses nomes pode ser útil para deseñar rutas de sendeirismo.

—Cantos microtopónimos están recollidos en toda Galicia?

—Entre o proxecto anterior e o actual, máis de medio millón. Pero aínda queda moitísimo por facer, porque calculamos que por agora só está cuberto entre o 35% e o 40% do territorio galego. O proxecto Galicia Nomeada comezou a desenvolverse pouco antes da declaración do estado de alarma sanitaria e a pesar da pandemia este traballo ten continuado ata agora. Na plataforma dixital temos máis de 2.700 usuarios rexistrados. En realidade son bastantes máis, porque hai asociacións e centros de ensino que están rexistrados cun só nome, pero detrás dese nomes pode haber moitas persoas. Aínda así, necesitamos que haxa máis voluntarios, o maior número posible.

—E como está a situación no conxunto da provincia de Lugo?

—Como en toda Galicia, hai concellos onde se recolleron moitos microtopónimos e outros nos que non se recolleu case nada. É o que sucede no Incio, na Fonsagrada e en Guntín de Pallares, que son os outros municipios lucenses nos que imos presentar o proxecto. É un traballo urxente, porque as persoas que mellor coñecen estes topónimos son xente maior e se deixamos pasar uns anos, eles xa non estarán e os nomes tradicionais de moitísimos lugares perderanse para sempre.