José Luis Álvarez: «Para nós é moi importante recuperar a Mostra dos Viños de Pantón despois de dous anos»

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

PANTÓN

José Luis Álvarez resalta o potencial vinícola do municipio
José Luis Álvarez resalta o potencial vinícola do municipio ALBERTO LÓPEZ

O municipio celebra esta fin de semana a súa feira vinícola, que agora ten a categoría de festa de interese turístico galego

13 may 2022 . Actualizado a las 19:45 h.

O alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, inaugurará ás 13.00 horas deste sábado —xunto co delegado territorial da Xunta, Javier Arias— unha nova edición da Mostra dos Viños da Ribeira Sacra. Como sucedeu con outras feiras do viño, a de Pantón non se puido celebrar nos dous últimos anos. O festexo continuará o domingo con diversas actividades, entre as que figura a lectura do pregón —tamén ás 13.00 horas— a cargo do enxeñeiro agrícola José Mouriño Cuba, unha figura clave na creación da denominación de orixe Ribeira Sacra.

—Que significa para o municipio volver celebrar a feira?

—Para nós é moi importante recuperar a mostra despois de dous anos pola repercusión que ten na promoción dos nosos produtos tradicionais, non só do viño. Porque ademais de viño, en Pantón tamén hai carne de cachena, queixo, mel... Por outro lado, é a primeira vez que a feira se celebra coa categoría de festa de interese turístico, que sen dúbida é outra axuda importante para dar a coñecer o noso municipio. E tamén é importante para os veciños, porque é unha ocasión para reunirse con xente de Pantón que vive noutras partes de Galicia, con amigos e familiares que veñen estes días para gozar da feira. Hai que recordar que ademais demais da Mostra dos Viños, tamén recuperamos a Festa da Empanada, e que durante estes días haberá moita animación musical. Despois destes anos de pandemia en que case non houbo festas en ningún sitio, a xente ten moitas ganas de ir recuperando a normalidade e hai que animala a que o faga.

—En que situación está hoxe o sector vinícola en Pantón?

—É un sector que segue medrando e hai cada vez más xente que se anima a plantar novos viñedos e a recuperar outros que estaban abandonados. No municipio hai moitas zonas tradicionais de viñedo que se poden recuperar e eu sempre digo que as mellores son as que están á beira do río. Na feira deste ano haberá oito adegas. Hai unha adega local que non pode participar nesta edición porque está estes días nunha feira en Alemaña, pero para compensar hai outra que abriu hai pouco e que si toma parte na Mostra dos Viños. É unha proba máis de que o sector do viño está crecendo no municipio.