«O mosteiro de Santa Cristina é un paraíso para os morcegos»

José Campos MONFORTE / LA VOZ

PANTÓN

Ledicia Santos guiará una salida nocturna en busca de murciélagos este fin de semana en Pantón
Ledicia Santos guiará una salida nocturna en busca de murciélagos este fin de semana en Pantón CEDIDA

A bióloga Ledicia Santos guía esta fin de semana unha saída nocturna en Pantón na procura destes animais voadores

14 ago 2021 . Actualizado a las 18:46 h.

Ledicia Santos é unha bióloga da asociación Drosera e do proxecto de Morcegos de Galicia, no que traballa para elaborar un atlas sobre as especies presentes neste territorio. Santos será ademais unha das guías da «Noite de morcegos», unha actividade organizada pola asociación Segredos de Pantón que se celebra este sábado no poboado da Chaira e na que tamén estarán os seus colegas Zeltia López e Manuel Arzúa.

-En que consistirá a «Noite de morcegos»?

-O primeiro que tiñamos pensado facer é falarlle á xente dos morcegos, das especies que hai en Galicia e de peculiaridades e xeneralidades dos quirópteros. Habitualmente comezamos a contar cousas, a xente pregunta e nós imos explicando. Despois da charla usaremos detectores de ultrasóns para saber que especies de morcegos hai na zona. Isto é posible xa que os morcegos ecolocalizan, emiten ultrasóns e con estes aparellos podemos saber que especie é a que está voando. A nosa intención tamén é poñer algunha rede e facer capturas para que os asistentes os vexan máis de cerca.

-A «Noite de Morcegos» celébrase na Chaira de Pantón, un poboado abandonado onde vivían traballadores de Fenosa. Por que alí?

-Foron os de Segredos de Pantón os que nos propuxeron facer a actividade e pareceunos moi ben, xa que o lugar onde se celebra xunta todo: edificacións abandonadas que aínda teñen tellado, o cal é bo posto que os morcegos tampouco se van meter a unha casa ben ventilada sen tellado, o río, o canón do Sil… Nas construccións vellas seguramente encontremos especies ligadas a ambientes humanos como o Rhinolophus hipposideros (morcego de ferradura pequeno), o Pipistrellus pipistrellus (morcego común), o Myotis escalerai (morcego gris ibérico), o Eptesicus serotinus (morcego das hortas) e o Plecotus austriacus (morcego orelludo gris). Este último gústalle á xente polas súas orellas grandes, daí o nome. Nos ríos tamén son moi habituais os Myotis daubentonii (morcego do río). Nas zonas máis forestais tamén poden ser habituais Barbastella barbastellus (morcego das fragas) ou o Nyctalus leisleri (nóctulo pequeno). Cerca do poboado está o mosteiro abandonado de Santa Cristina de Ribas de Sil, onde foron encontradas 12 especies distintas, un paraíso para os morcegos, tendo en conta que en Galicia hai citadas 25 especies. Polas súas características seguramente na Chaira haxa morcegos, pero nunca antes fixeramos actividade de mostraxe para saber que especies pode haber alí. Canto máis se busque, máis saberemos. Un exemplo da importancia da mostraxe vímolo hai uns días no InsuaCAMP que fixemos en Rábade. Levamos anos facendo este campamento con mostraxes, pero foi esta vez cando atopamos unha especie que nunca se vira na provincia de Lugo, o Myotis bechsteinii ou morcego de Bechstein. Tamén o Pipistrellus nathusii ou morcego de Nathusius, que grazas á mostraxe puideron detectalo en Xove por primeira vez no 2018.

-A Ribeira Sacra é importante para os morcegos?

-Non é unha zona na que buscásemos moitísimo pero no que levamos visto hai bastantes, no noso atlas de morcegos pódese ver moi ben. No seu conxunto é un bon lugar posto que hai bosques ven conservados, soutos, mosteiros e edificacións antigas ben conservadas.

-É un animal importante para o control de pragas?

-Si. De feito neste ámbito podería interesar na Ribeira Sacra. Os morcegos de Europa son insectívoros, estimase que comen entre 1.000 e 3.000 insectos por noite cada un. Isto fai que se utilicen para o control de pragas. Na Ribeira Sacra poderían ser interesantes para controlar a polilla do racimo, que ataca ás vides. Nunha bodega de Valencia colocaron caixas a modo de refuxio, para que os morcegos foran a elas e viron que as ocupaban, sobre todo no verán, cando tamén hai máis polilla do racimo. Tras examinar os seus excrementos constataron que efectivamente se alimentaban da polilla, constituíndo así unha forma máis de control dese insecto. Poderíase estender na Ribeira Sacra polo gran número de viñas. Outro exemplo haino no delta do Ebro, onde utilizan morcegos para non empregar tantos insecticidas.

«En Galicia non se están facendo as cousas ben para protexelos»

En Galicia está constatada a presenza de máis de dúas ducias de especies de morcego, e preto da metade están consideradas vulnerables.

-Están en risco os morcegos en Galicia?

-Das 25 especies que hai en Galicia, 11 figuran como vulnerables no catálogo galego de especies ameazadas. Teñen certo nivel de vulnerabilidade e se non se ten precaución poderían pasar a unha categoría aínda peor, como a de perigo de extinción. Hai que ter en conta que só crían unha vez ao ano e só dan a luz unha cría, ademais de que pode haber anos nos que non se reproduzan, por exemplo se hai mal tempo. A súa taxa reprodutora non é moi elevada. E están afectados polos parques eólicos, os cambios de usos dos hábitat... Tamén hai especies ligadas aos cultivos e dependen dos insectos desas zonas.

-Que se pode facer para conservalos?

-Facer as cousas ben, algo que xa non depende de nós, senón máis ben das administracións públicas. Por exemplo, agora vaise encher Galicia de parques eólicos. Cada semana estamos tanto nós como outras entidades facendo alegacións contra eles porque se sitúan en sitios importantes para a fauna e pretenden facelos sen estudos previos de impacto ambiental como se teñen que facer. A nosa asociación xa lle pediu á Xunta onde pediamos que siga as directrices europea para elaborar estes estudos de impacto ambiental. Outras comunidades autónomas como Castela e León, Asturias ou Cataluña si que adoptan esta metodoloxía, pero Galicia non. Falo dos parques eólicos porque agora están en auxe e porque tamén se sabe que é a principal causa de morte non natural de morcegos no mundo. Moitas veces cando pensamos en parques eólicos veñen a nosa cabeza as aves, e é certo que teñen gran incidencia nelas, pero nos morcegos a incidencia é maior. Hai cálculos de hai uns anos que estimaban en 50.000 e 250.000 os morcegos que morrían por chocar con aeroxeneradores. E non teñen por que chocar, as veces morren de barotrauma. E esas cifras aumentaron seguro, porque daquela os aeroxeradores eran máis pequenos.