Facer ou non facer política, o dilema do noso tempo

Rosana Prieto VOCEIRA DO BNG EN PANTÓN

PANTÓN

31 may 2020 . Actualizado a las 11:00 h.

Pasaba xa antes da pandemia: a sociedade utiliza a palabra política para descualificar. Esoutro día, uns veciños meus dixeron a propósito doutro: «Ese é político». Quedei dándolle voltas porque non era aquel significado que lle outorgaba miña avoa de «puxéronse políticos», que se refería a cando deixaban de se falar dúas persoas. Na retomada vida política municipal de Pantón, nunha conversa informal posterior ás comisións informativas e nun clima de cordialidade, o noso rexedor, a propósito dunha proposta do grupo municipal do BNG para axudar aos negocios do concello de Pantón díxome: «Non, os dos negocios están todos ben, podes facer a política que queiras». Eu repliquei: «Non é política». Pero despois pensei: «¡Como que non é política!, ¡claro que o é, e ademais é o momento de facela!».

Entendo a política como un medio para mellorar as vidas das persoas ás que representamos. Por iso considero inxusto o descrédito que sufrimos, a pesares de entendelo polas actuacións de quen se fan chamar políticos para encher o peto. Ou para colmar os egos de quen só se representa a si mesmo e a intereses propios, que é unha outra maneira moi distinta de entender a política. Eu reivindico a existencia de persoas honradas e xenerosas que exercen en política, e detesto ese «son todos iguais». Non, non e non. Ademais, é importante non esquecer o obvio: ¿quen nos pon aí? Pois os votos, que son a vontade da xente, da política e da que di non ser política.

Por iso cómpre repasar algúns conceptos:

A política non é cousa dos outros, non existe ese «apolítico» declarado pola maioría, porque a todos nos afecta. Política é o prezo do pan e a iso, miñas donas e meus señores, non somos alleos ninguén. Explícao moi ben a propia etimoloxía da palabra. Política é aquilo que involucra os cidadáns e os asuntos públicos, por tanto de todas as persoas. A política estivo relacionada coa moral na Grecia Clásica, no tempos de do Imperio Romano e na maioría das obras de filósofos e estudosos, ate que chegou Maquiavelo e separou a filosofía política da moral. O estilo maquiavélico para o político é a procura do poder polo poder mesmo, unha definición moi acaída para poder económico.

Hoxe temos en medio mundo asentada a cultura do parlamentarismo como lexitimación da representatividade do pobo, como forma de facer política o debate e a confrontación de ideas. Debe facerse política nos parlamentos e nos plenos, porque nunha democracia representativa teñen que verse reflectidos os sentires e pareceres da poboación, outra evidencia que adoitan esquecer moitos dos que gobernan nos municipios. Reflectir sobre a política, se non é unha obriga, é un dereito e un deber de todo suxeito social, e exercela implica a representación de moitas persoas que atopan en nós o medio que os represente e os favoreza, con moral e en positivo. Agora, co golpe sanitario e socioeconómico xerado pola pandemia do covid-19, é o momento de facermos política, pero en maiúsculas.