Os 100 anos de Jesús García, o espírito máis novo de Tuiriz

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE

PANTÓN

Un momento da festa de aniversario de Jesús García Rodríguez en Tuiriz, coa regueifeira Alba María á guitarra
Un momento da festa de aniversario de Jesús García Rodríguez en Tuiriz, coa regueifeira Alba María á guitarra CEDIDA

O home de máis idade desta parroquia de Tuiriz foi agricultor, leiteiro e vixilante nuns grandes almacéns

26 feb 2020 . Actualizado a las 12:37 h.

Jesús García Rodríguez sobreviviu a unha guerra na que case o meten cando tiña só 17 anos. Despois foi agricultor, leiteiro, emigrante, vixilante nocturno en Barcelona e agora vive un plácido retiro na súa aldea natal de Tuiriz, no concello de Pantón. Esta fin de semana os seus veciños xuntáronse para celebrar que o día 22 cumpría 100 anos. A festa empezou na casa do homenaxeado e rematou no local social da parroquia.

"Non é só que teña boa saúde e teña unha inmellorable capacidade mental, é que ademas é unha das persoas con máis ánimo e espírito novo da aldea", conta Tania Arias, unha das veciñas que participaron na organización desta festa de aniversario. Chucho, que é como o coñecen os seus veciños, garda na súa memoria innumerables historias do tempo que lle tocou vivir, desde os duros relatos do tempo da guerra civil e da posguerra ata a súa vida como vixilante nocturno nuns grandes almacéns nos anos sesenta e setenta en Barcelona.

Numerosos veciños participaron na festa de aniversario de Jesús García Rodríguez
Numerosos veciños participaron na festa de aniversario de Jesús García Rodríguez

Jesús García Rodríguez naceu en Tuiriz o 22 de febreiro de 1920. Agricultor desde novo, a guerra civil colleuno en plena adolescencia e foi chamado a filas en 1937, cando aínda lle faltaba un ano para a maioría de idade, aínda que finalmente conseguiu librar de incorporarse ao exército. Despois da guerra seguíu dedicado ao traballo no campo e tamén foi leiteiro, pero con 42 anos emigrou a Barcelona. Alí pasou algo máis de vinte anos, ata que volveu a Pantón con 63 e xa retirado. "Chucho -explica Tania Arias, é historia viva e conta moi boas historias, é un privilexio oílo nas tardes do verán sentado na solaina da súa casa".

Máis de setenta anos casado

O homenaxeado é o veciño de máis idade de Tuiriz, e un dos máis veteranos de todo o municipio de Pantón. Ten tres fillos e un neto e vive na súa casa de Tuiriz con Amelia, que ten 97 anos e é a súa muller desde hai máis de setenta.

A festa empezou este sábado despois do xantar, cando un nutrido grupo de veciños foron a súa casa a cantarlle polo seu 100 cumpreanos. Entre eles, a regueifeira local Alba María, que lle cantou uns romances personalizados. Ademais de música, houbo doces,café e licores para todos. O alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, tamén acudiu, para entregarlle un ramo de flores ao novo centenario do municipio. Ao rematar a festa na súa casa, Jesús García Rodríguez quixo que o achegasen ata o local social de Tuiriz a saudar o resto dos residentes da parroquia, que participaban nunha festa de entroido organizada pola asociación de veciños.