Búscanse músicos para unha «batalla de grupos» en Pantón

PANTÓN

A cantante Sés no Festival do Castro do 2017, o úlltimo que se celebrou ata agora en Pantón
A cantante Sés no Festival do Castro do 2017, o úlltimo que se celebrou ata agora en Pantón ROI FERNÁNDEZ

Un certame de bandas independentes precederá o 13 de xullo ao primeiro festival Trece Roeis Fest, que se celebrará o 17 de agosto

30 mar 2019 . Actualizado a las 18:14 h.

O municipio de Pantón acollerá o 13 de xullo unha «batalla de grupos musicais» organizada pola asociación cultural Trece Roeis coa finalidade de promover a cultura musical independente e a creación de música en galego. O grupo gañador deste certame será premiado coa edición dun disco e dun vídeoclip e coa participación na primeira edición do festival Trece Roeis Fest, que se celebrará o 17 de agosto.

Os grupos interesados en participar no concurso poderán inscribirse ata o 7 de xuño enviando a documentación recollida nas bases, que poden consultarse na web da asociación. O certame, segundo indica a organización, está aberto a «todos os grupos que desenrolen a súa carreira musical en calquera lugar da península» e que traballen en calquera estilo, que pode ser o rock, o folk, o rap, a fusión ou o indie. O xurado -engaden- valorará positivamente os temas ou cancións de creación propia, aínda que tamén se admitirán versións doutros grupos. Neste caso, valorarase a orixinalidade na adaptación. Se as cancións teñen letra, deberá empregarse o idioma galego.

Nesta primeira fase, un xurado profesional seleccionará dezaseis bandas para que compitan no certame. A orde de actuación dos diferentes grupos decidirase mediante un sorteo. As actuacións principiarán ás doce do mediodía e continuarán ao longo da xornada. Á hora da comida, a organización ofrecerá un xantar popular a base de produtos típicos e viños da Ribeira Sacra. Ás dez da noite comezará un concerto no que tomarán parte catro grupos finalistas seleccionados polo xurado. A formación gañadora darase a coñecer ese mesmo día.

 Na organización do festival colaboran o Concello de Pantón, a Dirección Xeral de Políticas Culturais, a área de Turismo da Deputación e o consorcio turístico da Ribeira Sacra. En Pantón non se volveu celebrar ningún festival de música desde a última edición do Festival do Castro, en agosto do 2017.