O desfile de entroido de Pantón reunirá a cerca de mil participantes

PANTÓN

ROI FERNÁNDEZ

Na festa do sábado participarán grupos de diversas localidades lucenses, ourensás e coruñesas

08 mar 2019 . Actualizado a las 12:08 h.

Pantón pechará este sábado as festas de carnaval do sur da provincia cun desfile de comparsas no que se espera que participen máis de trinta grupos que sumarán en torno a mil persoas. O prazo de inscrición permanece aberto ata a noite do venres, polo que aínda poden sumarse máis participantes. Os grupos inscritos proceden de diversos municipios do sur lucense -como Monforte, Quiroga, O Saviñao, Ribas de Sil, Portomarín e Sarria-, así como da provincia de Ourense e da localidade coruñesa de Toques.

O desfile comezará no entorno do colexio público Monte Baliño, onde os participantes se concentrarán ás 16.00 horas. O percorrido pasará polas rúas da localidade e terminará na praza do Concello, onde se ofrecerá unha chocolatada mentres o xurado do certame municipal escolle aos grupos gañadores. A festa terminará cun baile animado polo grupo Paradise e un reparto de agasallos entre os nenos participantes.

En canto ás comparsas de adultos, as bases do concurso establecen premios de 350, 200 e 150 euros para os grupos de dez ou máis compoñentes; de 159, 125 e cen euros para os e cinco a nove compoñente e de cen, 75 e cincuenta euros para los dun a catro membros. En comparsas infantís, haberá premios de 180, 160 e 150 euros para os grupos de dez ou máis integrantes; de cen, 75 e cincuenta para os de cinco a nove e de cincuenta, corenta e vinte euros para os de entre un e catro compoñentes.

O Concello confía en que o festexo non padeza os problemas meteorolóxicos que se rexistraron en moitos desfiles do pasado Martes de Entroido, xa que as previsións apuntan a unha xornada sen precipitacións e con temperaturas máximas de en torno a dezanove ou vinte graos.

Segundo explica o técnico de cultura Javier González, o Concello decidiu hai seis anos atrasar o desfile de comparsas para o sábado seguinte ao Martes de Entroido coa fin de atraer a participación de grupos doutras localidades e revitalizar o festexo. «Debido á caída demográfica, as comparsas locais eran cada vez menos numerosas, pero co cambio de data aumentou moitísimo a partipación», sinala.