O «postureo das redes sociais» para divulgar o patrimonio de Pantón

La Voz

PANTÓN

CEDIDA

A asociación Segredos de Pantón explicou as súas actividades aos estudantes de turismo do instituto monfortino Río Cabe

07 feb 2019 . Actualizado a las 13:01 h.

O coordinador da asociación Segredos de Pantón, Lucas Vázquez, ofreceu aos alumnos do ciclo de turismo do instituto monfortino Río Cabe unha charla sobre as actividades desenvolvidas por este colectivo para divulgar o patrimonio histórico e cultural do municipio. O conferenciante explicou como a asociación utiliza «o postureo das redes sociais» -segundo as súas propias palabras- para dignificar e difundir os aspectos menos coñecidos do legado histórico, a cultura e as tradicións do mundo rural. O colectivo está presente en FacebookTwitter e Instagram. Proximamente, a asociación ofrecerá tamén aos alumnos do ciclo de turismo unha visita guiada para darlles a coñecer lugares pouco coñecidos de Pantón.

A asociación, integrada por unha ducia de persoas, formouse en outubro do 2016, pero aínda non completou o seu proceso de legalización, que está pendente dalgúns trámites. Desde entón ten realizado investigacións sobre o patrimonio local, como unha reconstrución tridimensional da desaparecida torre de Quitapesares -a partir de varios documentos históricos-, e recentemente difundiu o achado dun antigo forno de cal na aldea do Cotillón -o máis occidental da provincia- por parte do investigador Sol Docampo.

O colectivo tamén ten organizado visitas guiadas por diferentes elementos do patrimonio de Pantón, utilizando as redes sociais para difundir o seu coñecemento. Para finais deste mes ten previsto organizar un percorrido polas parroquias de Toldaos e Augas Santas. «O que buscamos é divulgar os elementos menos coñecidos do patrimonio do concello», explica Vázquez. Por tal motivo non se centra noutros elementos -como os que conforman a ruta do románico de Pantón- que xa contan cun amplo nivel de difusión e están integrados nos itinerarios turísticos da Ribeira Sacra.

Na imaxe sobre estas liñas, un momento da conferencia de Lucas Vázquez no instituto Río Cabe.