Unha lectora infatigable con 103 anos

Nemesia Fernández, veciña de Pantón, segue cultivando a afección aos libros que a acompañou durante toda a vida


monforte / la voz

Non parece fácil encontrar alguén que teña lido máis libros que Nemesia Fernández Rodríguez, porque esta veciña de Augas Santas -no municipio de Pantón- ten unha relación coa lectura tan longa como fóra do común. Aos seus 103 anos de idade, que cumpriu o pasado novembro, continúa lendo libro tras libro e dedica a esta ocupación a maior parte do día. «Sempre me gustou ler desde noviña e desde que deixei de traballar en algo hai que ocupar o tempo», explica. No seu último cumpreanos, o Concello de Pantón obsequiouna cun diploma que a acredita como a «mellor e maior lectora» do municipio que ten enmarcado na súa casa.

Nemesia Fernández vive no domicilio familiar coa súa filla, o seu xenro, unha neta e un bisneto e ademais de conservar unha excelente memoria, mantense en boa forma física. Para ler senta sempre no mesmo sitio, nun sillón da cociña e ao pé dunha ventá. A súa actividade como lectora só se interrompeu por un tempo ao ser operada de cataratas, cando tiña en torno a oitenta anos, pero en canto a súa vista se recuperou volveu a ler como antes.

Entre os moitos millares de páxinas que devorou ao longo da súa vida cóntanse desde as novelas populares de Corín Tellado, Danielle Steel ou Agatha Christie ata clásicos como El romancero viejo, Don Quijote ou o Ivanhoe do escocés Walter Scott. Nemesia lémbrase ben dalgunhas das súas lecturas máis antigas, entre as que hai algunhas obras hoxe pouco coñecidas como As pupilas do senhor reitor, do novelista portugués Júlio Dinis -que leu na tradución ao castelán- ou El premio gordo, de Xavier de Montépin, un autor francés do século XIX.

Autores contemporáneos

Pero tamén mostra moito interese por autores contemporáneos como o británico Ken Follett ou a española Luz Gabás, a autora de Palmeras en la nieve, que é unha das súas lecturas máis recentes. Unha das novelas que máis lle gustaron nos últimos tempos é La catedral del mar, de Ildefonso Falcones. Entre os seus libros hai tamén un exemplar dedicado pola autora -que lle conseguiu un familiar- de El tiempo entre costuras, de María Dueñas.

Normalmente, tarda uns tres días en ler unha novela de extensión media. «Pero iso depende moito do libro e hai outros que me duran máis», precisa. Foi o que lle pasou coa novela histórica El médico de Noah Gordon. «Ese libro levoume bastante máis tempo porque ten a letra moi pequena», comenta.

Curros Enríquez e Rosalía de Castro, dous clásicos galegos que pode recitar de memoria

Nemesia Fernández pasou a maior parte da vida na localidade natal e saíu de Pantón en poucas ocasións, para visitar Ourense, Vigo ou A Coruña. A súa escola foi a da veciña localidade de Toldaos. Aínda que traballou moito na casa e no campo desde moi nova -con só 13 anos tivo que ocuparse praticamente soa dos seus cinco irmáns- nunca perdía a menor oportunidade de ler. Os seus familiares contan que cando ía ao campo coas vacas ou as ovellas, sendo unha rapaza, acostumaba levar un libro. Ás veces, distraída pola lectura, deixaba escapar os animais e depois tiña que ir correndo detrás deles para recuperalos.

A súa afección á lectura foi estimulada polo seu pai, que estivo emigrado nas Américas e trouxo á casa moitos libros. E tamén por don Tomás, cura da cercana parroquia de Mañente, que tiña unha importante biblioteca e lle prestaba libros. Algún dos moitos volumes que ten en casa foi regalado por este sacerdote. Hoxe en día, unha parte das lecturas de Nemesia Fernández precede da biblioteca municipal de Pantón, onde a súa filla Ermitas a inscribiu como socia.

Unha elexía

Ademais de ler sen descanso, a veciña centenaria de Augas Santas é capaz de recordar poemas enteiros, sobre todo de Manuel Curros Enríquez e Rosalía de Castro, os seus autores galegos favoritos. De Curros, a súa obra preferida é sen dúbida a elexía Ai!, que o poeta de Celanova dedicou á morte do seu terceiro fillo e que ela pode recitar con emoción desde primeiro ata o último verso.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Tags
Comentarios

Unha lectora infatigable con 103 anos