O ciclo musical Espazos Sonoros volve á Ribeira Sacra

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

PANTÓN

ALBERTO LÓPEZ

As igrexas de Pombeiro e Esgos e o pazo de Tor acollerán concertos e actividades

23 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A Ribeira Sacra volverá ser escenario este ano do ciclo de concertos Espazos Sonoros, promovido pola Consellería de Cultura, que ten como denominador común o feito de desenvolverse en edificios históricos de toda Galicia. A próxima edición, que se celebrará entre setembro e outubro, comprenderá dúas actuacións musicais na igrexa románica de San Vicente de Pombeiro -en Pantón- e no mosteiro de San Pedro de Rocas -no municipio ourensán de Esgos?, así como un obradoiro de música antiga no pazo de Tor, en Monforte. A anterior edición, a diferenza das precedentes, non incluíu ningún concerto nesta zona.

A primeira destas actuacións terá lugar no mosteiro de San Pedro de Rocas o 28 de setembro -a partir das 19 horas- e correrá a cargo do Cuarteto Skirion, unha formación galega especializada nos saxofóns. O grupo foi creado no 2012 polos músicos Alejandro Cimadevila, Jorge García, Alberto Noguerol e Marcos Mariño, e no pasado xaneiro editou o seu primeiro disco, Recitation Book, que reúne obras de Bach, David Maslanka, Paul Creston e Enrique Granados, entre outros compositores.

O segundo concerto celebrarase o 11 de outubro -ás 19 horas- e terá por escenario a igrexa románica de San Vicente de Pombeiro, un edificio que ata agora foi moi pouco utilizado para actividades musicais ou culturais. A actuación será ofrecida polo tenor italiano Marco Beasley e os músicos Stefano Rocco e Fabio Accurso, que tocan respectivamente a guitarra barroca e o laúde e o aquilaúde. Beasley interpretará tarantelas e outras cancións populares napolitanas, así como pezas renacentistas italianas do xénero coñecido como frottole.

Instrumentos de tecla

Por outro lado, dentro do mesmo ciclo, o pazo monfortino de Tor acollerá o 18 de outubro -as 17.30 horas- un obradoiro de divulgación da música antiga que se centrará nos instrumentos de tecla. Os asistentes poderán ver como se interpretan diversos instrumentos desta familia, como o organetto, a espineta, o clavicordio, o fortepiano e o piano organizado.

Estas tres actividades complementaranse con visitas guiadas. No caso de Esgos, comezará ás 15 horas e discorrerá polo antigo camiño real que pasa pola zona. En Pombeiro e Tor as visitas comenzarán respectivamente ás 18 e ás 16.30 horas e desenvolverase nestes edificios históricos.