Un colexio lucense pechou as visitas escolares ao Melga

La Voz CARBALLO / LA VOZ

O SAVIÑAO

Alumnos do CPI Dr. López Suárez, de O Saviñao, visitaron o Melga de Ponteceso
Alumnos do CPI Dr. López Suárez, de O Saviñao, visitaron o Melga de Ponteceso MELGA

Dende O Saviñao chegaron medio cento de rapaces para coñecer o Museo Etnolúdico, que ten a súa sede en Ponteceso

23 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Medio cento de rapaces de secundaria chegados dende o municipio lucense de O Saviñao pecharon as visitas escolares ao Melga, Museo Etnolúdico de Galicia, por este curso. Preto de dúas horas e medio de traxecto tiveron que facer os estudantes dende o CPI Dr. López Suárez ata o museo pontecesán, que visitaron ao longo da mañá para, despois, trasladarse ao piñeiral de Balarés para repoñer forzas.

Era a primeira vez que este centro lucense visitaba o Melga, onde apenas uns días antes o colexio das Jesuitinas da Coruña bateron récord de participación, anotando a súa decimo terceira visita dende a apertura do museo, alá polo 2013. Nestes intres, están un chanzo por enriba do CPR Plurilingüe Andaina da Coruña, que a comezos deste mes de xuño repetiu experiencia con máis de medio cento de alumnos.

Este mes tamén pasaron polo museo pontecesán a escola infantil As Estreliñas, de Carballo, e un grupo do curso de habilidades sociais de Ordes.