Os gañadores son alumnos de colexios e institutos de Chantada, Quiroga e A Coruña
20 may 2026 . Actualizado a las 18:59 h.A Fundación Xosé Soto de Fión —que xestiona o Ecomuseo de Arxeriz no municipio do Saviñao— deu a coñecer os gañadores da primeira edición dos premios literarios Xosé de Arxeriz, dirixidos ao alumnado do último ciclo de educación primaria e de calquera ciclo de ESO de todos os centros educativos galegos. O certame homenaxea ao fundador desta entidade, José Soto Rodríguez, quen asinou co pseudónimo de Xosé de Arxeriz as súas obras literarias.
Na categoría de ensinanza primaria, os premios foron concedidos aos relatos A filla do mar, de Carmen Otero —alumna do colexio Eloísa Rivadulla de Chantada— e Martiño e Uxío, dous heroes entre o lume, de Valentina Aguado Sánchez, alumna do colexio público de Quiroga. Na categoría de secundaria, os galardóns foron para os textos A pedra, de Yassin Amarante El Hakimy —alumno do instituto Val do Asma de Chantada— e Xa cho conto mañá, alumna do instituto Ramón Menéndez Pidal da Coruña.
O certame, segundo indican os organizadores, ten o obxectivo de «fomentar a creatividade literaria en língua galega e promover os valores culturais, etnográficos, históricos e ecolóxicos de Galicia». Nesta primeira edición participaron alumnos dos colexios Doutor López Suárez —do Saviñao—, Quiroga, Eloísa Rivadulla e Xoán de Requeixo,—ambos de Chantada—, así como dos institutos Val do Asma, Lama das Quendas —ambos de Chantada— e Ramón Menéndez Pidal, da A Coruña. En total presentáronse 67 relatos. O xurado do certame estivo formado por José Antonio Quiroga, presidente da Fundación Xosé Soto de Fión; Milagros Mondéjar Ovelleiro, presidenta de honra desta entidade e catedrática de grego, e Xabier Quiroga, escritor e profesor de língua galega.
A entrega dos premios será o próximo 12 de xuño, cando os gañadores e os demais alumnos das súas respectivas clases farán unha visita guiada ao Ecomuseo de Arxeriz e unha viaxe en catamarán polo Miño. «Agradecemos a participación e o interese dos centros neste primeiro certame, que pretendemos teña continuidade nos vindeiros anos», din os organizadores.