Xosé Ramón Fandiño, escritor: «Xan de Forcados axudou a Castelao a conseguir bolsas de estudos»

Francisco Albo
francisco albo DATA / AGENCIAMONFORTE / LA VOZ

O SAVIÑAO

Xosé Ramón Fandiño deu unha conferencia no Círculo Saviñao
Xosé Ramón Fandiño deu unha conferencia no Círculo Saviñao Xoán A. Soler

Fandiño rememorou no Saviñao a relación do médico e filántropo Juan López Suárez e da arqueóloga Pura Lorenzana co Seminario de Estudos Galegos

12 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor e investigador compostelán Xosé Ramón Fandiño ofreceu no Círculo Saviñao de Escairón unha conferencia sobre a relación entre o histórico Seminario de Estudos Galegos e dous relevantes personaxes nativos deste municipio. Un deles é o médico e filántropo Juan López Suárez —tamén coñecido como Xan de Forcados— e o outro, a arqueóloga e profesora Pura Lorenzana Prada, falecida en 1997. Fandiño publicou no 2004 a primeira biografía de López Suárez. A charla que deu en Escairón forma parte das conmemoracións do centenario do Seminario de Estudos Galegos, organizadas polo Museo do Pobo Galego.

—Que relación tivo Juan López Suárez co Seminario de Estudos Galegos?

—López Suárez foi un dos creadores da Comisión de Estudios de Galicia, unha das institucións galegas promovidas pola Junta para Ampliación de Estudios, vinculada á Institución Libre de Enseñanza. A Comisión de Estudios de Galicia promoveu moitas iniciativas culturais e científicas que eran como paralelas ás do Seminario de Estudos Galegos e houbo importantes personaxes que formaron parte das dúas institucións. Ademais, López Suárez axudou a conseguir bolsas que permitiron a destacados membros do seminario a ampliar os seus estudos e desenvolver os seus proxectos. Por exemplo, a Castelao conseguiulle unha bolsa para realizar unha viaxe de estudos artísticos por Francia, Bélxica e Alemaña, e outra que lle permitir visitar a Bretaña francesa e publicar despois o libro As cruces de pedra na Bretaña.

—E que vínculos tivo Pura Lorenzana con esa institución?

—Pura Lorenzana, que naceu en 1907 na parroquia de Vilasante, entrou a formar parte do Seminario de Estudos Galegos en 1930 e no seu discurso de ingreso leu un traballo que estaba dedicado precisamente a López Suárez. Nese traballo presentou os resultados das escavacións arqueolóxicas que ela levou a cabo no Saviñao en 1928 xunto con Antonio Fraguas e Florentino López Cuevillas, que tamén foron membros do Seminario de Estudos Galegos. Nesas escavacións, as primeiras que se fixeron no sur da provincia de Lugo, estudaron as mámoas do monte da Morá e o dolmen de Abuíme. Mentres realizaban esas investigacións, Lorenzana, Fraguas e López Cuevilas estiveron albergados no pazo de Lamaquebrada, propiedade de Juan López Suárez. Polo tanto a súa axuda foi moi importante para este proxecto arqueolóxico pioneiro.

—Lorenzana tivo máis relacións co galeguismo histórico, ademais da súa pertenza ao Seminario de Estudos Galegos?

—Tivo unha relación importante co movemento galeguista na época anterior á Guerra Civil. cursou as carreiras de Dereito e Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, nunha época na que moi poucas mulleres galegas accedían aos estudos universitarios. Alí contouse entre os alumnos brillantes que eran máis ou menos galeguistas. En 1929 ditou en Santiago unha conferencia sobre o nacionalismo galego na que demostrou ter un coñecemento notable das ideas teóricas de Vicente Risco. Tamén formou parte da Asemblea Nacionalista de Santiago, que estaba encadrada na dereita galeguista

—E que fixo despois da guerra?

—Despois da sublevación militar de 1936 foi profesora en Tui e máis tarde en Ourense, e exerceu diversos cargos políticos para o goberno rebelde de Burgos. En 1940 incluso recibiu unha medalla pola súa actuación na retagarda. Simplemente claudicou ante a nova situación política, como fixeron por outra parte moitas outras persoas. Pero a pesar diso nunca perdeu as súas ansias galeguistas. En 1947 formou parte da primeira xunta de goberno do Padroado Rosalía de Castro, que comprou a casa da Matanza onde se crearía o museo dedicado a escritora. Pura Lorenza tivo ademais unha relación moi estreita con Gala Murguía de Castro, a única filla de Rosalía que aínda vivía neses tempos. Tamén desenvolveu unha actividade moi importante a favor da reforma do ensino feminino.

—No sur lucense organizaranse máis actividades relacionadas co centenario do Seminario de Estudos Galegos?

—Dentro destas conmemoracións estanse organizando actividades en diferentes partes de Galicia para recordar aos membros desta institución nos seus lugares de nacemento ou nos que estiveron vinculados coas súas vidas. Por exemplo, en Ourense organízanse actividades para recordar a Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Florentino López Cuevillas, en Pontevedra para lembrar a Xosé Filgueira Valverde... En Monforte está previsto organizar unha actividade en memoria do avogado e intelectual galeguista Joaquín Arias Sanjurjo, que viviu parte da súa vida nesta cidade, pero aínda non hai unha data fixada para iso.