Yolanda Torrens, gandeira: «A perspectiva de traballar no campo segue estando moi mal vista»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

O SAVIÑAO

Yolanda Torrens López na súa granxa, situada na parroquia de Segán, no municipio do Saviñao
Yolanda Torrens López na súa granxa, situada na parroquia de Segán, no municipio do Saviñao CEDIDA

Natural de Barcelona e responsable dunha explotación de gando de leite do Saviñao, participou nunha mesa redonda do proxecto  «Elas, o que move o Camiño» 

21 oct 2022 . Actualizado a las 09:49 h.

Natural de Barcelona, Yolanda Torrens López traballa desde hai 25 anos na explotación gandeira de leite Rodasinde —na parroquia de Segán, no Saviñao—, que rexenta xunto co seu marido, José Manuel Taboada. A granxa conta en total con 235 vacas.

—Sendo de orixe urbana, por que decidiu dedicarse a esta actividade?

—Foi porque o meu home xa traballaba nesta explotación, que pertencía anteriormente aos meus sogros. Miña nai é do Saviñao e meu pai catalán, e eu non tivera antes ningunha experiencia de traballar con vacas.

—Custoulle moito adaptarse?

—Este traballo encantoume desde o primeiro día e segue encantándome hoxe, e tamén vivir no rural. Cando comecei con isto, como viña da cidade, moita xente pensaba que non aguantaría e que o deixaría en pouco tempo, pero aquí sigo. Non boto nada de menos a vida da cidade, nin sequera me acordo dela.

—Como ve a situación actual do seu sector?

—É unha pena dicilo, pero a situación é francamente triste e non lle vexo moito futuro. Non só ao sector gandeiro, senón tamén a todas as actividades agrarias, tanto aos produtores de leite como aos de mazás e a moitos outros. Hai unha mentalidade moi estendida segundo a cal a comida ten que saír regalada, pero en realidade custa moito producila. É un traballo moi duro que ocupa todos os días do ano, pero iso non se recoñece como é debido. E agora aos gandeiros tamén se nos ve como se estivésemos causando grandes danos ambientais, cando somos nós os que mantemos limpos os campos e evitamos que arda o monte.

—Que cre que se debería facer que mellorase a situación?

—En primeiro lugar habería que pagar o produto polo que vale realmente, algo que nunca se fixo. E tamén facer todo o que se poida para que a vida da xente que traballa no campo sexa máis fácil. Espero que as cousas cambien para mellor, pero paréceme moi difícil. O que vexo é que practicamente todos os días están pechando explotacións e pechan para non volver abrir. Antes había un relevo xeracional e o traballo pasaba de pais a fillos —ou a algunha xente que viña de fóra, como é o meu caso—, pero hoxe non me parece que este labor sexa unha oportunidade interesante para a xente nova. A perspectiva de traballar no campo segue estando moi mal vista e a nós cústanos moitísimo traballo atopar man de obra.

—Cantos empregados teñen na súa explotación?

—Tiñamos dous, pero un deles foise en xullo e agora estamos cun só traballador. En moitas explotacións empregan a inmigrantes que duran como moito un ano e medio ou dous anos. De todas maneiras, aínda que a situación é moi difícil, espero que o rural non morra e que a xente que chega polo Camiño de Santiago poida seguir vendo vacas nos campos.

Testemuños de mulleres emprendedoras das rutas xacobeas

Yolanda Torrens participou este xoves nunha mesa redonda do ciclo «Elas, o que move o Camiño» —impulsado pola Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Lugo e financiado polo programa O Teu Xacobeo—, que mediante os testemuños de mulleres emprendedoras pretende promover a reflexión sobre a importancia económica e cultural das rutas xacobeas. O acto celebrouse no salón de plenos do Concello do Saviñao e foi moderado por Ángel Trabada —presidente da asociación organizadora—, co alcalde Carlos Armesto como anfitrión.

Na mesa redonda participaron ademais Judith Jacinto —responsable da firma chantadina Tata Alimentos con Historia— e Verónica Núñez, fundadora da empresa Caurelor, dedicada en Quiroga á produción de marmeladas e produtos ecolóxicos. As participantes no encontro, segundo apuntan os organizadores, «afondaron na súa traxectoria e motivacións para poñer en marcha negocios na contorna das rutas xacobeas».

O proxecto «Elas, o que move o Camiño» comprende mesas redondas en municipios pertencentes aos catro itinerarios xacobeos que discorren polo territorio da provincia. No caso do Saviñao, trátase do Camiño de Inverno. A web oficial do programa —que se encontra no enderezo elasoquemoveocamino.com— recollerá en total os testemuños de doce mulleres emprendedoras lucenses.