A falta de recursos económicos bloquea a rehabilitación do castelo de Doiras

Lucía Rey
lucía rey LUGO / LA VOZ

O SAVIÑAO

ALBERTO LÓPEZ

Os donos, a Fundación Soto de Fión, centran os seus fondos nas escavacións de Arxeriz

26 oct 2014 . Actualizado a las 05:03 h.

Aínda que hai agora dous anos se falou con insistencia de «darlle vida» ao castelo de Doiras, a falta de recursos económicos bloquea a rehabilitación desta fortificación medieval situada no municipio de Cervantes, e que é propiedade desde hai catorce anos da Fundación Xosé Soto de Fión. O seu secretario, José Antonio Quiroga, explica que a entidade sen ánimo de lucro «está facendo un tremendísimo esforzo» na súa sede de Arxeriz (O Saviñao), investindo gran cantidade de fondos na segunda campaña de escavacións arqueolóxicas no castro, e iso limita a súa capacidade para intervir da maneira en que lles gustaría en Doiras. «Os nosos recursos son limitados. Non somos a Barrié [fundación] nin farrapo de gaitas», sinala. Deste xeito, recoñece que as negociacións emprendidas hai tempo coa Deputación de Lugo para abrir o castelo cervantino ao público en condicións atópanse en «stand by».

Desde o gabinete de comunicación do organismo provincial afirman que tanto no ano 2013 coma no 2014 concederon unha axuda de 35.000 euros á Soto de Fión; uns cartos que foron destinados íntegramente ao Ecomuseo de Arxeriz, onde se descubriron importantes restos paleolíticos que pretenden musealizar. «Levamos tempo moi centrados nel», recoñece Quiroga, que destaca que, co apoio das subvencións recibidas acondicionaron ademais 400 metros cadrados de salas de exposicións.

Non ao descontrol

Con todo, Quiroga subliña que a fundación estaría «encantada» de que algunha outra administración «axudara» á rehabilitación de Doiras porque «o descontrol non leva a ningún lado».

Así, e pese a levar décadas abandonado, na práctica o castelo está aberto a quen o quere visitar e hai moito tempo que a cancela que pecha a finca non ten cadeado. Iso fai posible que moitos visitantes que fan un alto en Cervantes no seu percorrido polos Ancares se acheguen ao alto do outeiro no que está situado e accedan a el sen restricións de ningún tipo. «Aquilo está nun estado bastante aceptable, estruturalmente está moi ben», comenta o portavoz da propiedade. Se ben, considera que sería necesario limpialo, adaptalo e contratar persoal para que, por exemplo, puidese acoller iniciativas como exposicións e obradoiros que puxesen en valor a riqueza patrimonial, natural, paisaxística e cultural dos Ancares.

A fundación Soto de Fión está vinculada aos primeiros industriais lácteos de Galicia, e comproulle o castelo a un empresario afincado en Madrid pero natural de Becerreá. A súa intención era desenvolver nel un proxecto na liña do que desenvolve no Ecomuseo de Arxeriz.