Un rastro pétreo da cociña castrexa no Saviñao

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

O SAVIÑAO

ALBERTO LÓPEZ

Un morteiro achado no castro de Arxeriz serve de pista aos arqueólogos

28 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Un achado fortuíto realizado hai xa tempo pode supor unha importante pista para as investigación arqueolóxicas que se desenvolven actualmente no castro de Arxeriz, no Saviñao, por iniciativa da Fundación Xosé Soto de Fión. Trátase dun morteiro de pedra de notable tamaño que foi desenterrado hai arredor de oito anos durante unhas obras de acondicionamento do terreo xunto ao Ecomuseo de Arxeriz, que xestiona a mencionada fundación.

O traballo consistía en limpar a maleza e retirar as pedras da superficie coa axuda dunha grade arrastrada por un tractor. A peza arqueolóxica apareceu enterrada a unha profundidade de entre trinta e corenta centímetros e desde entón está gardada no museo. Na actualidade encóntrase depositada no exterior, no mesmo lugar onde apareceu, para que sirva de referencia aos arqueólogos que estudan o castro.

O director do museo, José Antonio Quiroga, sinala que os morteiros deste tipo están normalmente asociados aos fogares castrexos. «Usábanse para moer e mesturar os alimentos antes de pasalos ao lume e formaban parte do mobiliario das cociñas, por dicilo así», explica. Quiroga supón que o lugar onde apareceu a peza pode ser o mesmo onde quedou depositada cando foi abandonada a antiga vivenda á que pertenceu: «Probablemente o morteiro estivo sempre aí, porque se tivese sido desenterrado con anterioridade seguramente xa non se encontraría nese sitio e tería sido reutilizado como unha pía ou destinado a outros usos, como pasou con moitas pezas desta clase».

Futura escavación

A aparición do morteiro pode indicar por tanto a presenza dos restos dun fogar -e por conseguinte dunha casa- neste mesmo punto. O lugar onde foi descuberta a peza encóntrase no antecastro, onde os arqueólogos supoñen que debían de estar a maior parte das vivendas do antigo asentamento. Para sabelo será preciso realizar unha sondaxe nese lugar, pero iso non está previsto que se faga na actual campaña arqueolóxica -a primeira que se realiza no castro-, que comezou hai cerca de tres semanas. «Esa zona estudarase seguramente na seguinte campaña, para o ano próximo», apunta Quiroga.

As escavacións en curso lévanse a cabo principalmente na croa ou recinto central do castro, sitada a escasa distancia do punto onde apareceu o morteiro. Nesa zona descubríronse por agora algúns restos de vivendas e dunha rúa.

Os investigadores pensan que o asentamento debeu de albergar unha poboación bastante numerosa, a xulgar polas súas notables dimensións -ocupa unha superficie aproximada de tres hectáreas- e polo importante conxunto de construcións defensivas que o rodea.