Mañá preséntase no Saviñao un proxecto de revitalización do rural

monforte / la voz

O SAVIÑAO

A Asociación Veciñal do Saviñao organizará mañá -ás 19 horas, no auditorio de Escairón- un acto informativo no que se presentará por primeira vez un proxecto de valorización do medio rural que pretende aglutinar a todo tipo de colectivos, institucións e empresas da comarca de Lemos.

A iniciativa partiu de Felipe Castro, axente forestal veciño da Pobra do Brollón que intenta impulsar esta idea por iniciativa particular. «Parto do feito de que o medio rural na comarca de Lemos está hoxe nunha situación de decadencia, é un territorio praticamente morto, e o que propoño é que todas as asociacións e entidades da zona que teñen relación con el se coordinen para intentar revitalizalo dalgunha maneira», explica. «Esta comarca ten recursos, patrimonio e iniciativas que poden servir para impulsar o seu desenvolvemento, pero o que se fixo ata agora neste sentido sempre tivo un alcance moi local e habería que coordinar dalgún xeito os esforzos para que sexan máis efectivos», engade.

O feito de que o proxecto se presente no Saviñao débese a que a asociación veciñal local foi a primeira que se animou a responder as propostas de Castro, que tamén as presentou a outros colectivos.

O proxecto propón, entre outras medidas, trazar e pór en marcha iniciativas que axuden a aproveitar os recursos agrogandeiros, forestais, ambientais e culturais, procurar vías de comercialización para os produtos locais e establecer unha rede de mercados populares.

Entre as diferentes ideas que manexa está a de organizar unha mostra anual de produtos locais e de exhibición da cultura rural. «Todas estas cousas son factibles e que se poden conseguir pouco a pouco se se traballa seriamente e de forma coordinada», apunta.

O proxecto non ten unha relación directa coa ocupación profesional de Castro. «É algo que fago por iniciativa miña e aínda que é certo que o meu traballo está relacionado co medio rural, a idea tamén ten que ver coa miña experiencia nas comunidades de montes e no asociacionismo veciñal», explica. «A crise que estamos padecendo vén sumarse á crise que sufre desde hai moito tempo o noso medio rural e para saír desta situación temos que comezar por crer en nós mesmos e nosos recursos e actuar dunha forma conxunta».