Un estudio de gravación do século XII no Incio

O INCIO

Un concerto do grupo Atlantic Mozart Flute Quartets na igrexa de Santa María a Nova de Noia, nunha imaxe de arquivo
Un concerto do grupo Atlantic Mozart Flute Quartets na igrexa de Santa María a Nova de Noia, nunha imaxe de arquivo MARCOS CREO

O grupo Atlantic Mozart Flute Quartets gravará un disco na igrexa de mármore de San Pedro Fiz de Hospital, escollida para este proxecto pola súa especial sonoridade

20 may 2021 . Actualizado a las 12:00 h.

A igrexa románica de San Pedro Fiz de Hospital do Incio será o escenario da gravación dun disco que combinará varias obras de Mozart con música tradicional galega. O proxecto, denominado «Mozart á galega», corre a cargo do grupo Atlantic Mozart Flute Quartets e comprende a edición dun libro da escritora Fina Casalderrey —titulado O xenio da cidade do sal—, que será publicado xunto co disco por Edicións Xerais. O feito de ter escollido este templo para realizar a gravación —aparte do seu valor histórico e arquitectónico— débese a que está construído en mármore. «Pola sonoridade singular que lle confire o mármore, este é un dos mellores espazos de Galicia para o tipo de música que queremos facer», explica Luís Soto, membro da formación. «O que pretendemos é que a gravación recolla fielmente o son natural, sen ningún retoque posterior, e que a música poida escoitarse no disco como se estivésemos dentro da igrexa», agrega.

A gravación levarase a cabo o 6 de xuño. O día anterior, o grupo Atlantic Mozart Flute Quartets ofrecerá na mesma igrexa de San Pedro Fiz un concerto no que serán interpretadas todas as pezas musicais que aparecerán no disco. «É un agasallo que queremos facer aos veciños do Incio, aos que tamén convidamos a acercarse á música de Mozart, porque este é principal obxectivo do proxecto, animar á xente a coñecer e disfrutar de Mozart», di Luís Soto. O disco-libro diríxese principalmente a rapaces de entre 8 e 14 anos de idade e segundo as previsións dos responsables do proxecto, estará dispoñible para finais de setembro, coincidindo co inicio do próximo curso.

Unha viaxe imaxinaria

Tanto o disco como o libro —que estará ilustrado polo artista Xosé Cobas— toman como argumento unha viaxe imaxinaria de Mozart a Galicia. «O libro de Fina Casalderrey mestura a biografía real de Mozart coa fantasía, supoñendo que entre as viaxes que o músico fixo por varios países de Europa houbo tamén unha visita a Galicia, o que nunca sucedeu na realidade», di Soto. «O que facemos é imaxinar que nesta viaxe Mozart puido escoitar algunhas pezas de música tradicional galega e que as incorporou á súa obra», engade. Desta forma, o disco combina varias obras que Mozart compuxo cando tiña 21 anos de idade —nun dos períodos máis creativos da súa vida— con algúns temas tradicionais galegos que foron seleccionados —sinala Luís Soto— «pola súa tonalidade, o seu tempo e o seu carácter» para que se combinen o mellor posible coa música do compositor austríaco.

No libro-disco, por outro lado, constará que a gravación destas pezas foi feita na igrexa de San Pedro Fiz de Hospital. «Esta iniciativa pretende axudar a divulgar e popularizar a música de Mozart, pero tamén quere axudar a que se coñeza mellor o gran valor que ten esta igrexa e animar á xente acercarse ao Incio para visitala», apunta Soto a este respecto.

Ademais de Luís Soto —intérprete de frauta traveseira—, a formación Atlantic Mozart Flute Quartets está integrada por Ioana Ciobotaru —viola—, David García —violín— e o violoncelista Millán Abeledo.

A igrexa románica de San Pedro Fiz de Hospital está construída en mármore nativo do Incio
A igrexa románica de San Pedro Fiz de Hospital está construída en mármore nativo do Incio ALBERTO LOPEZ

O disco de Atlantic Mozart Flute Quartets conterá catro pezas de Mozart para cuartetos de frauta e cordas. Segundo explica Soto, estas obras fúndense con outros tantos temas de música tradicional galega arranxados por Alfonso Morán: Alalá das Mariñas, Teño un amor en Rianxo, E pousa, pousa, pousa e A saia da Carolina. «Estas pezas soan sen solución de continuidade despois de cada unha das obras de Mozart e foron escollidas para que se harmonicen con elas —di o músico— de maneira que quen non as coñeza previamente poida crer que son unha única peza». Na páxina web do grupo poden escoitarse varios fragmentos musicais nos que as pezas de Mozart se transforman en temas tradicionais galegos.

Un concerto aberto ao público

O concerto que ofrecerá o grupo Atlantic Mozart Flute Quartets comezará ás 20.00 horas do 5 de xuño na igrexa de San Pedro Fiz de Hospital. A entrada será libre ata que se complete o aforamento. No concerto, que durará unha hora, utilizarase unha antiga frauta traveseira fabricada no século XIX pola firma francesa Jérôme Thibouville-Lamy. O grupo musical conseguiu a través dun anticuario de Lugo este singular instrumento, pero descoñece como puido chegar a Galicia.