A aldea modelo de Trascastro medrará grazas aos soutos

La Voz

O INCIO

O conselleiro de Medio Rural e o alcalde do Incio, na súa reunión en Santiago
O conselleiro de Medio Rural e o alcalde do Incio, na súa reunión en Santiago

A Xunta e o Concello do Incio queren que o proxecto sirva agora para recuperar plantacións de castiñeiros sen uso

15 mar 2021 . Actualizado a las 16:54 h.

O proxecto da aldea modelo de Trascastro, no municipio do Incio, terá continuidade coa recuperación de soutos para o seu aproveitamento agroforestal. Anunciouno este sábado a Consellería de Medio Rural, despois de que o conselleito José González mantivese unha reunión en Santiago co alcalde do Incio, Héctor Corujo.

Despois desta entrevista, fontes da consellería confirmaron que o seguinte paso para o desenvolvemento da aldea modelo de Trascastro será o aproveitamento dos seus soutos tradicionais. Trascastro foi un dos primeiros proxectos aprobados dentro do programa de aldeas modelo posto en marcha polo actual equipo á fronte da Consellería de Medio Rural. En marcha desde finais do 2019, a primeira fase da aldea modelo de Trascastro está centrada na produción de carne de vacún autóctono e producido en ecolóxico. A explotación gandeira que naceu con esteproxecto en Trascastro aproveita unha superficie de 178 hectáreas, distribuñidas en 178 parcelas pertencentes a 104 propietarios.

Para avanzar no desenvolvemento do proxecto de Trascastro, a consellería está tratando de poñer as bases para que se poidan aprovitar soutos situados nesa parroquia do Incio e que actualmente non son utilizados. Esta parte do proxecto forma parte dun plan da Xunta que ten como obxectivo a recuperación de arredor de mil hectáreas deste tipo de terreos en toda Galicia. O conselleiro explicoulle ao alcalde do Incio que este proxecto está neste momento na fase de identificación e inventario dos soutos. Ademais desta parroquia do Incio, a consellería está rtaballando en iniciativas similares nalgunhas zonas da ribeira do Sil, tanto na provincia de Lugo como na de Ourense, na contorna do río Loio en Paradela, en nalgunhas áreas da montaña luguesa, por exemplo no municipio de Folgoso do Courel, que é onde comezaron estas intervencións.

Os portavoces da Consellería de Medio Rural apuntan que este plan de recuperación de soutos tradicionais vai recibir un impulso importante este ano, candio entre en vigor a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, actualmente en trámite no Parlamento. Esta normativa proporcionará cobertura legal a figuras como as agrupacións de xestión conxunta da terra, que Medio Rural considera claves para a posta en valor dos soutos.