Carme López: «Recibimos aturuxos caseiros de toda Galicia»

Laura López LA VOZ / LUGO

O INCIO

Carme López e Sabela Vázquez, de Raiceira
Carme López e Sabela Vázquez, de Raiceira

A cantante do dúo lucense Raiceira explica que readaptaron un tema tradicional zamorano e gravaron a «Ronda-19», en confinamento

09 may 2020 . Actualizado a las 19:31 h.

Novas músicas e composicións están vendo a luz neste confinamento. Unha delas é a Ronda-19 (ou Música dende a xanela), unha readaptación dunha peza tradicional zamorana, a cargo do dúo lucense Raiceira. Carme López e Sabela Vázquez levan dous anos e medio dando vida a este conxunto musical. Sabela, grao superior de Violonchelo, e Carme, grao superior de Instrumentos Musicais Tradicionais e Populares, dedícanse tamén á docencia, ademais de estar noutros conxuntos musicais. Carme López fala estes días desde O Incio, onde está a pasar o confinamento.

-Como xurdiu a idea de gravar o tema e de pedir aturuxos?

-O primeiro achegamento non foi buscado, cada unha estabamos traballando pola nosa conta, nas nosas casas; e atopei unhas melodías que me gustaban. Era unha ronda de Zamora, de Calabor, e interpretábaa Julio Prada, o gaiteiro de Sanabria, que tiña un xeito de tocar moi arcaico. E aí pensamos en facer algo co tema, eu coa voz e Sabela co chelo. Botamos un par de semanas con probas de harmonía, ornamentación... e saíu un bosquexo, que vimos que podía funcionar. E aí xurdiu a idea de facer un vídeo. Na gravación orixinal estaba o gaiteiro de Sanabria, e dúas mulleres acompañaban a peza con aturuxos e cantos. Por iso se nos ocorreu facer un chamamento para que a xente nos enviase os aturuxos desde as súas casas.

-Que tal foi a acollida?

-Ao principio non estabamos moi convencidas, pero houbo bastante xente que se animou. Ata tivemos unha familia de catro persoas que participou xunta. A xente implicouse e foi moi bonito.

-Desde onde chegaron os aturuxos?

-Houbo bastante variedade, recibimos aturuxos «caseiros» de toda Galicia: Lugo, Sarria, Santiago, A Coruña, Vigo...

-Como foi o proceso de montaxe?

-Con todo ese material, o que máis traballo nos deu foi a montaxe. Os móbiles foron a nosa tecnoloxía para gravar e fixemos unha especie de colaxe, coas dificultades, ademais, das conexións no rural, posto que Sabela está en Lugo, pero eu en Rubián de Cima (O Incio).

-O título «Ronda-19» fai referencia á pandemia?

-Si. Poucas músicas populares teñen títulos, levan o nome do xénero e o lugar. Neste caso, era Ronda de Calabor. Á nosa adaptación puxémoslle Ronda-19, polo virus, e Música dende a xanela, polo que significa nestes tempos de confinamento. De feito, no vídeo facemos unha especie de colaxe con solainas, fiestras e balcóns. Hai que lembrar que a ronda era un xénero popular no que os mozos ían polas noites a cantarlles ás mozas, que saían ás ventás. Neste sentido, quixemos modernizar o xénero e aportar a nosa visión, rachando co aspecto do patriarcado no que só os homes tiñan permitido saír polas noites.

-Como estades xestionando o voso traballo no estado de alarma?

-Individualmente, estamos aproveitando bastante ben o tempo, porque estar na casa permítenos ter moito tempo para os ensaios. Como conxunto, estabamos traballando para gravar o noso primeiro cedé. Pero temos outros proxectos máis próximos; por exemplo, coa Deputación, coa que colaboramos nos concertos en streaming que se emitirán desde as redes sociais con motivo do Día das Letras Galegas.