«Estamos entre O Courel e a Ribeira Sacra e iso é algo que temos que saber aproveitar»

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE

O INCIO

Héctor Corujo, fronte á igrexa de Hospital
Héctor Corujo, fronte á igrexa de Hospital CEDIDA

Héctor Corujo preséntase por primeira vez como candidato á alcaldía do Incio polo Partido Popular

23 may 2019 . Actualizado a las 20:51 h.

Héctor Corujo debuta en política con 48 anos e faino como candidato á alcaldía do Incio, o municipio no que naceu e no que vive. Funcionario no Concello, tratará de recuperar a alcaldía para o Partido Popular, despois de oito anos de goberno do PSOE.

?Que lle está parecendo a súa primeira campaña? Topouse con algo que non esperase?

?Nunca vivira unha campaña en primeira persoa, pero sabía o que eran porque si vin moitas desde segunda liña. Non porque colaborase antes con ningunha candidatura, senón o traballo no Concello permíteche ter unha relación próxima cos políticos e ver como se desenvolven. Nos municipios pequenos coñecémonos todos, así que estamos facendo unha campaña porta a porta, tentando falar con todos. O mércores tivemos un mitin, pero a campaña baseámola no contacto directo coa xente.

?E por que decidiu dar este paso?

?Dinlle moitas voltas, pero hai ben anos que me apetecía e tiña esta idea na cabeza. A veces pensaba que necesidade teño eu de meterme neste lío, pero ao final decidinme. Pensei que non me quería ver con 60 anos e arrepentíndome por non telo intentado.

?Que lle parece que ten que cambiar no Incio?

?Ten que haber unha mellor xestión dos recursos do Concello e é preciso promocionalo dunha maneira máis activa. Estamos xusto entre O Courel e a Ribeira Sacra, os dous lugares do sur da provincia de Lugo con más perspectivas de crecemento e iso O Incio teno que aproveitar.

?Levar anos traballando nun Concello é unha vantaxe ou un inconveniente para alguén que quere ser alcalde dese Concello?

?Saber moito nunca é impedimento. A gran vantaxe que teño é precisamente que, como levo moito tempo no Concello, ao día seguinte de ser elixido xa podo estar en funcionamento. Non teño que agardar a aprender como se fan as cousas. Non teño que aprender o que é un procedemento de contratación, como se pide unha subvención ou en que época sae unha liña de axudas.

?Di no seu programa que a perda de poboación é o problema máis grave do Incio. Como se soluciona?

?Do Incio e doutros moitos sitios. Fixar poboación é unha das cousas ás que o Concello lle debería dedicar máis recursos. O Concello debe eliminar as trabas que poden ter as familias polo feito de vivir nun núcleo aíllado. Vivir en Monforte ou en Sarria ten vantaxes evidentes, sobre todo en casos de familias novas con nenos pequenos, que nun sitio pequeno e alonxzado teñen difícil conciliar o traballo coa coidado dos fillos. O Concello ten que subvencionar o IBI e contribuír en xeral a que a carga impositiva que soportan estas familias sexa tan baixa como resulte posible. E tense que coordinar co colexio e a asociación de nais e pais para organizar actividades pensando nestas familias, por exemplo axudando a cofinanciar os desprazamentos para que os pequenos poidan por exemplo ir entrenar á Sarriana ou á piscina climatizada de Monforte.

?É optimista con respecto ao resultado das eleccións?

?As miñas perspectivas pasan por gañar a alcaldía. Nós estamos loitando polos cinco concelleiros.