Faleceu Rubén González, gaiteiro e artesán do Incio

La Voz

O INCIO

ROI FERNANDEZ

O enterro levarase a cabo mañán na localidade de Castelo de Somoza

31 mar 2018 . Actualizado a las 20:13 h.

No cemiterio de Castelo de Somoza, no municipio do Incio, será soterrado hoxe o gaiteiro e artesán Rubén González López, veciño desta localidade, onde faleceu onte aos 93 anos de idade. Previamente, ás 17.30 horas, oficiarase no Tanatorio de Monforte ?onde está instalada a capela ardente? unha oración de celebración da palabra. A familia pediu que non se envíen flores.

Rubén González naceu no municipio ourensán de Calvos de Randín en 1925 e desde os 19 anos de idade viviu no Incio, de onde eran naturais seus pais. Ferreiro de profesión, interesouse desde moi novo pola música tradicional. Segundo explicou el mesmo nunha entrevista publicada neste xornal en agosto do 2007, cando era neno fabricou el mesmo un bombo e un tamboril aproveitando as peles dunhas cabras mortas nun ataque de lobos. Aprendeu a tocar a gaita nunha época na que non era fácil atopar mestres nin construtores. A primeira que tivo pertencera a un gaiteiro recén falecido e custáralle quince pesetas. A principios dos anos 40 formou un grupo con intérpretes de gaita, percusión e clarinete, e desde entón actuou en numerosas festas e romarías, así como en festivais musicais, en moitos casos formando parte do grupo Agarimos.

Ademais do seu labor como músico, González destacou como fabricante de palletas de gaita. Unha persoa que marcou especialmente, segundo confesou el mesmo, foi o célebre músico e artesán ourensán Faustino Santalices, que logrou resucitar a zanfona cando este instrumento estaba case perdido en Galicia.

No 2007, o Ateneo Ferrolán distinguiuno coa Gaita de Ouro dentro dos premios de música tradicional galega Constantino Bértolo en recoñecemento ao seu labor en prol da conservación deste patrimonio. En abril do 2011, o Concello do Incio concedeulle o título de fillo adoptivo do municipio. «Moito loitei na vida pola gaita, lévoa no sangue», dixo tamén na referida entrevista.