Castroverde, Incio e Pol aforran 92.300 euros coas auditorías enerxéticas da Deputación

c. lópez LUGO / LA VOZ

O INCIO

Os estudos, sen custo para as entidades locais, continuarán ata finais de ano noutros 34 concellos da provincia lucense

05 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Logo de acadar un aforro anual de 123.000 euros na factura eléctrica das dependencias da Deputación, o organismo provincial propúxose reducirlles tamén aos concellos o gasto en electricidade, realizándolles auditorías enerxéticas sen custo algún para as entidades locais. A esta iniciativa sumáronse 37 municipios, que elixiron o inmoble municipal onde, a maiores dos seus consistorios e alumeados públicos, desexaban que se levase a cabo dita auditoría.

Fixadas as dependencias municipais nas que se realizaría o estudo, e analizadas as facturas enerxéticas dos concellos co fin de avaliar os seus gastos e estudar posibles reformas que supuxesen aforros, o pasado mes de xuño, os técnicos da Axencia Provincial da Enerxía empezaron a realizar as auditorías nos concellos de Castroverde, O Incio e Pol, nos que os primeiros resultados revelan un aforro de 92.300 euros, segundo avanzou o deputado de Cooperación cos Concellos, Juan José Díaz Valiño.

Castroverde

Neste concello, as auditorías feitas no consistorio, no alumeado e no pavillón revelan que tanto as instalacións de iluminación como as de calefacción contan con novos compoñentes, polo que non se tivo que realizar ningunha reforma. Neste caso a redución da factura eléctrica deste municipio en 2012 será dun 20%, pero tamén se están a realizar estudos para reducir a factura de gas.

O Incio

Os técnicos concluíron que era necesario substituír as lámpadas da casa consistorial e do alumeado público por unhas de baixo consumo, así como situar válvulas termostáticas no sistema de calefacción, actuacións que lle supoñerán un aforro de 35.100 euros a este concello, que ten un gasto de 90.000 euros anuais nos 2.000 puntos de luz espallados polo municipio.

Pol

Instalaranse lámpadas de baixo consumo no alumeado público tras a auditoría realizada, logrando un aforro inicial de 47.200 euros, aínda que queda por facer o estudo enerxético no consistorio e no colexio.

Díaz Valiño destacou que «ademais de aforrar os 10.000 euros que tería que desembolsar o Concello de contratar a auditoría a unha empresa externa, a Deputación asume a compra e colocación do material que se vai a substituír».