Os Lactouros fomenta o autocultivo de cogomelos

MONFORTE DE LEMOS

Cogomelos recollidos na contorna de Monforte nunha edición anterior das xornadas micolóxicas da asociación Os Lactouros
Cogomelos recollidos na contorna de Monforte nunha edición anterior das xornadas micolóxicas da asociación Os Lactouros ALBERTO LÓPEZ

Un obradoiro de divulgación desta especialidade forma parte do programa das xornadas micolóxicas de Monforte

28 oct 2026 . Actualizado a las 15:49 h.

Entre o 3 e o 5 de decembro celebrarase en Monforte unha nova edición das xornadas micolóxicas da asociación Os Lactouros, que se contan entre as más veteranas da provincia de Lugo. A entidade foi creada en 1978, só un ano despois de que iniciase a súa andaina a asociación Os Bolouros de Foz, pioneira neste tipo de actividades. O principal obxectivo das xornadas de Monforte —segundo apuntan os organizadores—é o de «achegar o coñecemento dos cogomelos á cidadanía, fomentar o respecto polo medio natural e promover unha recollida responsable e segura, ao tempo que se crea un espazo de encontro para todas as persoas afeccionadas á micoloxía». A iniciativa, denominada Xornadas Lactouras, conta co apoio do Concello de Monforte e da Deputación lucense.

O programa deste ano comprende unha charla divulgativa, un obradoiro de cultivo de setas, unha saída ao campo para identificar especies e un xantar de confraternización a base de cogomelos. No obradoiro de cultivo, os asistentes que non sexan socios de Os Lactouros deberán abonar 10 euros. En canto ao xantar, o prezo será de 25 euros para os socios e de 30 euros para os non socios. Para participar nestas dúas actividades é preciso realizar unha inscrición previa chamando ao teléfono 671 473 982.

A continuación detállanse as actividades previstas para estas xornadas:

  • 3 DE DECEMBRO
  • 20.00 horas. O Centro do Viño da Ribeira Sacra acollerá unha charla divulgativa sobre as principais especies de cogomelos comestibles da península Ibérica a cargo da bióloga María Cabaleiro, especialista en etnomicoloxía, a disciplina científica que estuda as relacións entre os seres humanos e os fungos. Cabaleiro traballa na empresa Mycogalicia Plantae, xurdida no laboratorio de micoloxía da Universidade deVigo, que dirixirá tamén as dúas seguintes actividades
  • 4 DE DECEMBRO
  • 20.00 horas. No mesmo centro impartirase un obradoiro no que os participantes aprenderán a preparar equipos de autocultuvo de cogomelos e levalos para súas casas. Para esta actividade haberá un límite de 35 prazas.
  • 5 DE DECEMBRO
  • 10.00 horas. A última xornada comezará cun percorrido guiado polo campo para identificar as principais especies que se poden encontrar na contorna de Monforte. Os participantes reuniranse na praza da Compañía antes de iniciar a saída.
  • 14.30 horas. O xantar de confraternización a base de setas celebrarase no resturante Abadía San Simón.