As funcións comezarán este xoves no auditorio do edificio multiusos e terminarán o 5 de decembro na Casa de Cultura
06 oct 2026 . Actualizado a las 13:31 h.O alcalde de Monforte, José Tomé, anunciou o inicio do ciclo municipal de actuacións teatrais para o último trimestre do ano, que arrancará este xoves e continuará ata o 5 de decembro. O programa comprende un total de 12 actuacións, das que oito correrán a a cargo de compañías profesionais e as catro restantes, de grupos afeccionados. As funcións ofreceranse nos auditorios do edificio multiusos e da Casa de Cultura.
O ciclo organízase co apoio da Rede Galega de Teatros e Auditorios, e da Deputación lucense. A entrada será gratuíta nas representacións previstas para os días 6, 14 e 28 de novembro, e 3 e 5 de decembro. Nos demais casos, o prezo xeral da entrada será de cinco euros e reducirase a tres euros para os estudantes, xubilados e desempregados. A continuación detállanse as actuacións previstas neste programa:
- 8 de outubro. A compañía Ibuprofeno Teatro porá en escena a obra Bio Construción, dirixida ao público adulto. Será no auditorio do edificio multiusos ás 20.15 horas.
- 15 de outubro. A artista Vero Rilo representará no edificio multiusos ás 20.15 horas o espectáculo Lavandeiras, para o público adulto e maiores de 14 anos.
- 22 de outubro. Na terceira xornada, a compañía Talía Teatro escenificará a peza Artur Ui, o ovo da serpe, dirixida ao público adulto. Será no auditorio do multiusos ás 20.15 horas.
- 29 de outubro. A seguinte representación será a do espectáculo #Influencers, do grupo NegroLópez, dirixido ao público adulto e maiores de 13 anos. A función ofrecerase ás 20.15 horas no edificio multiusos.
- 5 de novembro. A compañía Mofa e Befa representará a obra Os dous de sempre —baseada na novela homónima de Castelao— no edificio multiusos a partir das 20.15 horas. O espectáculo diríxese ao público adulto e maiores de 13 anos.
- 6 de novembro. O grupo Argalleiras Teatro representará a peza A rateira ás 20.00 horas no auditorio da Casa de Cultura. A función é para todos os públicos.
- 12 de novembro. Para esta data está programa a representación da obra A metamorfose, da compañía Sarabela Teatro, dirixida ao público adulto e maiores de 12 anos. Será no auditorio do edificio multiusos a partir das 20.15 horas.
- 14 de novembro. O grupo Rebuldeira Teatro, de Sarria, representará a peza Vermello a partir das 20.00 horas na Casa de Cultura.
- 26 de novembro. O auditorio do edificio multiusos acollerá ás 20.15 horas a representación da obra A cámara escura, da compañía Vórtice Escénico. O espectáculo diríxese ao público adulto e maiores de 12 anos.
- 28 de novembro. O grupo Teatreiras Monforte escenificará na Casa de Cultura, ás 20.00 horas, a obra A Revolución, 1789... ou por aí. A obra é para todos os públicos.
- 3 de decembro. O grupo Rebuldeira Teatro representará de novo a obra Vermello ás 20.00 horas na Casa de Cultura.
- 5 de decembro. O ciclo pecharase coa representación da obra Hotel Esperanza, do grupo monfortino Teatro Viraventos. A peza diríxese a todos os públicos e ofrecerase na Casa de Cultura a partir das 20.00 horas.