O instituto A Pinguela despide ao que foi o seu director durante 26 anos
MONFORTE DE LEMOS
Enrique Sampil incorporouse ao centro educativo de Monforte desde a súa creación, en 1983
03 ago 2026 . Actualizado a las 19:30 h.O instituto A Pinguela de Monforte celebrou un acto de despedida e homenaxe a Enrique Sampil Sánchez, quen dirixiu de forma ininterrompida este centro educativo durante os últimos 26 anos, con motivo da súa xubilación. O homenaxeado, segundo explican desde o instituto, deu as grazas «a todos os que lle fixeron chegar o seu recoñecemento e amizade, ao alumnado no que quixo enfocar directa ou indirectamente os esforzos do instituto, aos responsables das políticas educativas da Xunta de Galicia e ao persoal docente e non docente que nestes anos colaborou con seus distintos equipos directivos en abrir portas aos alumnos que quixemos formar para que fosen cidadáns máis felices, máis sabios e cun mellor futuro, e tamén en facer un instituto mellor». O acto terminou cun xantar de confraternidade.
Enrique Sampil traballou como docente no instituto A Pinguela desde a súa creación, en 1983, e asumiu a dirección do centro no ano 2000. Durante o curso 2023-2024 presidiu unha serie de actividades conmemorativas dos seus 40 anos de traxectoria que culminaron o 26 de abril do 2024 cun acto no que participaron o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o alcalde de Monforte, José Tomé, así como representantes das primeiros profesores e das primeiras promocións de estudantes do centro. Por outro lado, Sampil preside desde 1982 o Círculo Saviñao de Escairón.