De violín a trombón: estes son todos os cursos que se poden facer este verán co conservatorio de Monforte

La Voz MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

Alumnos do conservatorio Mestre Ibáñez de Monforte na festa de fin de curso que celebraron hai unhas semanas nas rúas do centro
Alumnos do conservatorio Mestre Ibáñez de Monforte na festa de fin de curso que celebraron hai unhas semanas nas rúas do centro CARLOS CORTÉS

Serán en xullo e en agosto e case todas as especialidades están pensadas para alumnado a partir de 6 anos

24 jun 2026 . Actualizado a las 13:52 h.

O Conservatorio Municipal de Música «Mestre Ibáñez» de Monforte vén de abrir o prazo de inscrición para os seus Cursos de Verán, unha proposta que se desenvolverá en xullo e agosto nas instalacións do Edificio Multiusos. O obxectivo é ofrecer unha alternativa de lecer educativo para a xente nova durante as vacacións e facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.

Os cursos están deseñados para alumnado a partir de 6 anos -agás Canto e Pandeireta, que require ter 17 anos cumpridos- e abranguen unha ampla variedade de especialidades, tanto instrumentais como teóricas. Entre os talleres de práctica instrumental ofértanse Guitarra, Violín, Piano, Saxofón, Clarinete, Frauta doce e travesa, Trompeta, Trombón, Tuba, Gaita, Percusión moderna (batería), Percusión tradicional galega, Canto e Pandeireta, xunto con talleres de Linguaxe Musical. O nivel das clases será de iniciación ou avanzado, adaptándose ás distintas capacidades do alumnado.

Para piano cómpre traer material específico: auriculares obrigatorios, e xogo de pinturas para o alumnado de ata 7 anos. E tamén para percusión moderna: Un par de baquetas modelo 5A e unha pelota de tenis.

Calendario de cursos por especialidades

As clases distribúense ao longo de tres semanas, en quendas de luns a venres. Cada materia ten unha duración dunha hora diaria durante a semana correspondente:

Semana do 6 ao 10 de xullo:

  • Violín (Iniciación e Avanzado)
  • Piano 1º grupo (Iniciación e Avanzado)
  • Guitarra (Iniciación e Avanzado)
  • Clarinete (Iniciación e Avanzado)
  • Frauta Doce e Travesa (só Iniciación)
  • Trompeta e Trompa (Iniciación e Avanzado)
  • Trombón e Tuba (Iniciación e Avanzado)
  • Linguaxe Musical 1º grupo (Iniciación e Avanzado)

Semana do 13 ao 17 de xullo:

  • Gaita e Percusión Tradicional (Iniciación e Avanzado)
  • Canto e Pandeireta (Iniciación e Avanzado, a partir de 17 anos)

Semana do 10 ao 14 de agosto:

  • Saxofón (Iniciación e Avanzado)
  • Percusión moderna (Iniciación e Avanzado)

Semana do 24 ao 28 de agosto:

  • Piano 2º grupo (Iniciación e Avanzado)
  • Linguaxe Musical 2º grupo (Iniciación e Avanzado)

Prazos de inscrición por especialidades

É importante estar atento ás datas límite, que varían segundo a materia escollida:

  • Ata o 3 de xullo: Violín, Piano 1º grupo, Guitarra, Clarinete, Frauta, Trompeta, Trombón, Tuba e Linguaxe 1º grupo.
  • Ata o 10 de xullo: Gaita e Percusión Tradicional, Canto e Pandeireta, Percusión moderna, Saxofón, Piano 2º grupo e Linguaxe 2º grupo.

Prezo, reserva de prazas e material necesario

A taxa de inscrición é de 25 euros por solicitude, e con este prezo pódense elixir ata dúas materias. Se se desexa participar en máis especialidades, é posible cubrir unha nova solicitude adicional.

A inscrición pode realizarse de dúas maneiras:

  1. Presencialmente, na Oficina de Rexistro do Concello de Monforte, onde se reserva a materia e horario no momento por orde de entrada.
  2. A través da Sede Electrónica, facendo unha preinscrición reservando especialidade e horario, á espera de confirmación, tamén por orde de rexistro.