O Correlingua reúne a centos de estudantes en Monforte

MONFORTE DE LEMOS

Na xornada en favor da lingua galega participaron alumnos de oito centros educativos de catro municipios 

13 may 2026 . Actualizado a las 16:29 h.

A mellora das condicións meteorolóxicas favoreceu este mércores en Monforte a primeira das tres festas do Correlingua que se celebrarán na provincia de Lugo, na que participaron centos de alumnos de oito centros educativos. O percorrido en prol da lngua galega comezou na praza Luis de Góngora, no conxunto monumental de San Vicente do Pino, e discorreu polo Campo da Virxe, as rúas Falagueira, Zapaterías e Santo Domingo, a praza de España e a rúa Cardeal, os estudantes levaron pancartas co lema do Correlingua deste ano: «Co galego no corazón facemos revolución».

Ao final do percorrido, os participantes na marcha confluíron na praza da Compañía, xa que o lugar habitual de celebración do Correlingua en Monforte —o Parque dos Condes— está parcialmente pechado por obras. Neste lugar celebrouse a partir das doce do mediodóa un acto no que se deu lectura a un manifesto elaborado por alumos de diferentes centros educativos dentro dos obradoiros «Desata a lingua», que se desenvolveron o ano pasado baixo a dirección das escritoras Lucía Aldao, María Lado e Antía Yañez. O texto reivindica o uso da lingua galega por motivos de «diversidade, empatía e respecto», vinculándoo coa cultura, o legado histórico e a educación.

O acto, presentado polo actor e narrador oral Fran Rei, comprendeu unha actuación musical do grupo Cuarta Xusta. Na xornada participou Iria Castro, responsable da área de Cultura da Deputación lucense, organismo que colaborou na orgaanización desta actividade xunto co Concello de Monforte.

As festas do Correlingua son promovidas pola Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e CIG-Ensino. Os centros que participaron na xornada foron os institutos A Pinguela, Daviña Rey e Río Cabe, os colexios A Gándara e Infanta Elena —de Monforte—, o colexio Doutor López Suárez do Saviñao, o colexio Virxe da Luz de Portomarín e o instituto Cosme López Rodríguez da Rúa de Valdeorras.

As seguintes festas do Correlingua —que chega este ano á súa edición número 26— na provincia de Lugo serán os próximos días 20 e 27, respectivamente en Ribadeo e Lugo.