Na xornada tomarán parte alumnos deste municipio e tamén do Saviñao, Portomarín e a A Rúa de Valdeorras
12 may 2026 . Actualizado a las 12:13 h.Oito centro educativos participarán este mércores en Monforte no Correlingua, a carreira reivindicativa a prol da lingua galega, que chega este ano á súa edición número 26 co lema «Co galego no corazón facemos revolución». A iniciativa conta co apoio do Concello de Monforte e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Os centros de ensino de Monforte que participarán na xornada son os institutos Daviña Rey, A Pinguela e Río Cabe e os colexios A Gándara e Infanta Elena. Tamén tomarán parte os colexios Doutor López Suárez —do Saviñao—, Virxe da Luz —de Portomarín— e Cosme López Rodríguez, da Rúa de Valdeorras. O percorrido comezará na praza Luis de Góngora e discorrerá polo Campo da Virxe, as rúas Falagueira, Zapaterías e Santo Domingo, a praza de España e a rúa Cardeal, para rematar na praza da Compañía.
Neste último lugar comezará ás 12.00 horas un acto presentado polo actor e narrador oral Fran Rei. Os alumnos do instituto A Pinguela darán lectura a un manifesto e seguidamente actuará o grupo musical Cuarta Xusta. A de Monforte será a cuarta xornada do Correlingua deste ano, que comezou a celebrarse o pasado día 5 e continuará durante este mes en diversas localidades galegas. O lema desta edición, segundo os organizadores, «apela non só a a este carácter reivindicativo, senón tamén á emoción e ao sentimento de pertenza».