Esperta Monforte, candidatura da que fun parte, leva solicitando dende hai varias lexislaturas municipais a peonalización da ponte vella, sen dilacións e sen ser necesaria a construción dunha nova ponte no Malecón. As mocións presentadas ao respecto foron rexeitadas polo goberno municipal e a súa maioría absoluta, aducindo a necesidade de construír previamente unha nova ponte aberta ao tráfico. Oporse á construción da nova ponte non é froito dunha obcecación, está reflexionada e razoada. Tratarei de explicarme cun exemplo que os monfortinos temos cerca, o caso da Ponte Romana de Ourense .
En Ourense no ano 1998 procedeuse ao peche ao tránsito rodado na Ponte Romana coa desculpa dunhas obras de acondicionamento, porque tamén era unha medida polémica. Sen embargo, non se volveu abrir e fíxose oficialmente peonil un ano despois no 1999. En Monforte, cando a ponte vella se ten pechado temporalmente por obras ou outros motivos non se produciu ningún caos no tránsito rodado. A distancia lineal en Ourense coas pontes do Miño máis próximas polas que se podía circular era de 471 metros á ponte Nova ( augas arriba), e 558 metros á ponte Novísima ( augas abaixo e pola que transcorre a N 525). En suma, a distancia entre ambas pontes unha vez pechada a Ponte Romana era de 1.021 metros. O que non representou ningún problema para o tráfico. Posteriormente, no ano 2001 construíuse a ponte do Milenio, tamén augas abaixo e a distancia entre pontes reduciuse lixeiramente, son 913 metros.
No caso de Monforte, a distancia lineal entre a Ponte Vella e a ponte do Multiusos é de 453 metros, e coa ponte da avenida de Galicia de 208 metros. Polo polo que a distancia ente as pontes que quedarían abertas ao trafico, se peonalizaramos a Ponte Vella agora mesmo, seria de 661 metros. Como vemos, claramente menor que a que existia en Ourense. Non ten ningún sentido construír unha nova ponte onde está situada a actual pasarela peonil do Malecon, a escasos 300 metros da ponte do Multiusos. O acceso ao Centro de Saúde non se vería afectado na practica. Está comprobado que o percorrido en coche saíndo do Campo de San Antonio para ir ao ambulatorio a través da ronda urbana, con parada incluída no semáforo coa rúa Doutor Casares, é de 5 minutos.
Pero máis aló das distancias, a construción dunha nova ponte no Malecón leva aparellados outros problemas: malgasto económico ao derribar a pasarela peonil, construída a finais dos anos 90 sendo alcalde Nazario Pin; e impacto ambiental e paisaxístico sobre unha zona esencial da nosa cidade, tamén incluída no conxunto histórico. O paseo do Malecón, inaugurado en 1920, foi concibido como iso, zona de paseo. O aumento do trafico vai deterioralo máis, despois da xa desafortunada e contestada reforma de 1991 en que se ampliou a calzada para os vehículos o que conlevou a tala de ducias de arbores que lle daban personalidade, sombra e frescor durante o duro verán monfortino.
Entre os problemas estaría ademais o deterioro de outras zonas do conxunto histórico, como a zona do convento das Clarisas, na que aumentará o tráfico mesmo a través dunha rúa tan pouco adaptada como a de Santa Clara, o que entra en franca contradición cos obxectivos do Plan de Especial Protección do Casco Histórico que pretende protexer, rehabilitar, e poñer en valor. Tamén o gasto innecesario de diñeiro público procedente dos nosos impostos, máis de 5 millons de euros. Disparar «con polvora del rey» é unha forma de despilfarrar os recursos, tanto no caso da ponte como a innecesaria fonte do Parque dos Condes, situada a apenas 50 metros do xa existente surtidor do estanque do parque sobre o regato das Malloadas, e a 150 metros da outra fonte ornamental diante das Casitas da Compañia.
Monforte non conta cun plan de ordenación municipal, e non semella que ningún goberno municipal dos existentes ata agora tivese verdadeiro interese en telo, cando é por aí por onde debe comezar calquera planificación urbanística. Esta presa en facer obras innecesarias, cando falta só un ano para as novas eleccións municipais, semella responder a un desexo caótico de erixirse monumentos a si mesmo para paliar os problemas que rodean ao señor alcalde. As cidades máis avanzadas e con mellor calidade de vida toman medidas para diminuír o tránsito nos seus centros e aumentar a peonalización. Non tomemos, unha vez máis, a decisión equivocada, causando un dano irreparable e hipotecando o futuro da nosa cidade.