Clases de literatura fantástica para acompañar ao Fancine de Lemos

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / AGENCIA

MONFORTE DE LEMOS

Montaxe dunha pantalla ao aire libre para a edición do Fancine de Lemos do 2021
Montaxe dunha pantalla ao aire libre para a edición do Fancine de Lemos do 2021 JOSÉ CAMPOS

A USC ofrecerá un curso de verán durante o festival cinematográfico de Monforte

04 jul 2024 . Actualizado a las 12:53 h.

«A ficción fantástica: permanencia e mutación na cultura contemporánea» é o título dun curso de verán que impartirá en Monforte a Universidade de Santiago (USC) coincidindo coa décima edición do festival de cine fantástico e de terror Fancine de Lemos, entre o 3 e o 5 de xullo. O obxectivo da iniciativa, segundo os organizadores, é «congregar a investigadores e creadores, a fin de ofrecer un panorama actual e actualizado das diversas tipoloxías do fantástico da cultura contemporánea, con especial foco nas producións galegas».

As actividades desenvolveranse no auditorio da Casa de Cultura monfortina. As xornadas serán coordinadas polos profesores Zósimo López Pena e Xaquín Núñez Sabarís, que sinalan que programa foi deseñado para servir de complemento ao Fancine de Lemos. «Os horarios foron pensados para que non interfiran coas actividades do festival», apunta López.

Os organizadores indican ademais que no curso de verán participarán destacados especialistas en literatura fantástica. Entre eles estarán a profesora Raquel Velázquez, que forma parte dun grupo de investigación sobre este xénero na Universidade Autónoma de Barcelona, e o portugués Sérgio Guimarães de Sousa, autor de diversos estudos sobre este tipo de literatura.

Para que o curso se leve a cabo, sinalan así mesmo os organizadores, é necesario que inscriban ao menos quince persoas. Os interesados poden apuntarse ata o próximo día 21 través da web da USC. O prezo da matrícula é de 70 euros, pero hai unha taxa reducida —de 40 euros— para estudantes, pensionistas, desempregados e socios da Asociación de Antigos Alumnos da USC. Este é o programa do curso:

 3 de xullo. Entre as 10.00 e as 11.00 horas da primeira xornada desenvolveranse os actos de recepción dos participantes e de apertura do curso. A conferencia inaugural, ás 11.00, tratará sobre «Creadoras e representación da muller na literatura fantástica» e correrá a cargo de Raquel Velázquez. Ás 13.00 horas comezará unha intervención de Felisa Rodríguez Prado, profesora da USC, sobre «A narración fantástica nas literaturas africanas: entre a tradición e a modernidade». Ás 16.30 abrirase un seminario sobre «Historias para non durmir e os novos formatos de divulgación», impartido pola escritora e narradora oral Paula Carballeira.

 4 de xullo. Ás 10.00 horas, Iago Casas, docente da USC, falará sobre «O monstro na literatura galega». A seguinte conferencia, ás 11.00, correrá a cargo de Xaquín Núñez Sabarís e versará sobre «Continuidade e transgresión no fantástico galego: do conto tradicional á ficción audiovisual». Seguidamente, ás 13.00 horas, o ilustrador de banda deseñada Tomás Guerrero falará sobre «Distorsións distópicas». Ás 16.30 comezará unha conferencia acerca de «Editar o fantástico» que será pronunciada por Alba Rozas Arceo, profesora de Universidad de Salamanca e responsable da editorial Boadicea.

 5 de xullo. Sérgio Guimarães de Sousa, profesor da Universidade do Minho, falará ás 10.00 horas sobre «O insólito na literatura portuguesa». O seguinte relatorio, titulado «Marcas e historia (s) do fantástico na literatura brasileira», correrá a cargo de Carmen Villarino, profesora da USC. A conferencia de clausura será pronunciada a partir das 13.00 horas por María López Sández, profesora da USC e integrante da Real Academia Galega, e tratará sobre «A rebeldía da imaxinación».

«Gustaríanos ser un punto de encontro de afeccionados e creadores do mundo audiovisual e do literario»

Con raíces familiares en Monforte, Zósimo López Pena é profesor de Didáctica de Lingua e Literatura na Facultade de Ciencias da Educación de Santiago.

 —É habitual que a USC organice cursos de verán sobre literatura fantástica?

—Ten habido algún curso sobre a obra de Tolkien, o autor de O señor dos aneis, ou sobre literatura fantástica infantil. Pero un curso como o de Monforte é a primeira vez que se organiza.

—Como xurdiu esta idea?

—Xurdiu falando con Xaquín Núñez Sabarís, un galego que ensina literatura española na Universidade do Minho, en Braga. Nesa universidade xa teñen organizado simposios sobre literatura fantástica. Pensamos que sería unha boa idea ofrecer un curso deste tipo en Monforte coincidindo co Fancine de Lemos.

—Colaboran cos organizadores do festival?

—Máis que colaborar, o que facemos é coordinarnos con eles nas datas e nos horarios para que as dúas propostas se complementen sen problemas. Gustaríanos que o curso sexa un punto de encontro entre afeccionados e creadores do mundo audiovisual e do ámbito da literatura e da banda deseñada. Aínda non sabemos se o curso poderá celebrarse porque para iso ten que inscribirse un número mínimo de alumnos. Pero se todo sae ben, esperamos que se poida seguir celebrando nos próximos anos ao mesmo tempo que o festival Fancine de Lemos. E tamén esperamos que isto sexa algo positivo para Monforte.

—Que aspecto resaltaría do programa?

—Un aspecto que nos parece interesante e pouco habitual é que o programa deste curso de verán presta unha especial atención á literatura fantástica no ámbito galego e no mundo da lingua portuguesa, en países como Portugal, Brasil e os da África lusófona.