Tomás Rodríguez, bombeiro e fotógrafo: «O meu traballo é apagar incendios, e se podo tamén lles fago fotos»
MONFORTE DE LEMOS
Con case 20 anos de experiencia laboral, este monfortino acaba de abrir en Bóveda a primeira exposición de fotografías súas feitas en incendios forestais
25 oct 2023 . Actualizado a las 17:04 h.No centro sociocultural de Bóveda pódese ver desde esta este sábado unha exposición de fotografías de incendios forestais. O seu autor é o monfortino Tomás Rodríguez e non é que saia ao monte cada vez que ve fume, senón que non lle queda máis remedio que facelo. Leva uns quince nos traballando como bombeiro forestal, neste momento nunha brigada que ten a súa base no municipio de Manzaneda. Nas pausas que o seu traballo lle deixa bota man do seu móbil e captura en imaxes o que está a ver.
-Como me teño que referir a vostede na entrevista, como fotógrafo ou como bombeiro forestal?
-É que eu fotógrafo non son. A miña profesión é a de bombeiro. O de facer fotos é un pasatempo.
-Que se pode ver nesta exposición?
-Fotos de incendios forestais. A verdade é que eu case teño máis fotos de paisaxes, atardeceres e así que de incendios, pero a miña amiga Miriam Palmón, que traballa no centro sociocultural de Bóveda, levaba tempo insistíndome en montar unha exposición, porque lle gustan as fotos que poño na miña conta de Facebook. Finalmente, convenceume de facer a exposición e de incluír unicamente fotos de incendios. Na selección das fotos e nos textos axudoume outra amiga que se chama Lorena Blanco.
-Pero no traballo non levará unha cámara para facer as fotos.
-Non, non podería. O que levo é un teléfono móbil, que é algo que usamos para o traballo. Porque o meu traballo é apagar incendios. O que pasa é que se podo tamén lles fago fotos. Todas as fotos desta exposición están feitas con móbil. E en vertical.
-E por que en vertical?
-É como me sae facelas. Supoño que me gustan máis así.
-Pero mentres está apagando ve unha foto non se permite nin parar uns segundos para facela?
-Non, non. Nunca deixo de facer o traballo por unha foto. Na brigada estamos todos moi unidos e temos un concepto claro do traballo. O primeiro é o primeiro. As fotos fágoas en momentos de descanso, en zonas que xa están controladas aínda que continúen a arder, en contralumes...
-Ten algunha formación en técnica fotográfica?
-Ningunha. Afección á fotografía sempre tiven, pero nunca fixen ningún curso. E antes de comezar a traballar como bombeiro forestal tampouco facía fotos. Foi ese traballo no monte o que me deu a motivación para facelo. O meu lugar habitual de traballo é a Serra do Invernadoiro e, en xeral, todo o Macizo Central. Facer fotos saíu como unha reacción natural ao feito de ver a diario esas paisaxes, coa luz das primeiras horas do día, a da tardiña....
-Botará de menos poder usar unha cámara.
-Ter teño unha cámara, unha que non é profesional, pero o que me parece natural con ela é ir buscar o momento. Nas fotos que se poden ver nesta exposición non busco escenas, son as escenas as que aparecen. Vexo esas cores e trato de captalas á miña maneira.