Da desaproveitada identidade gastronómica lemava

Antón Valcarce TRIBUNA ABIERTA

MONFORTE DE LEMOS

Festa da Empanada en la parroquia monfortina de Ribas Altas
Festa da Empanada en la parroquia monfortina de Ribas Altas ROI FERNÁNDEZ

29 abr 2023 . Actualizado a las 12:36 h.

Se non fomos, non somos nin seremos!... diría o meu amigo Arsenio, perpetuo conde de Le... mos; lembrades?

Case seguro que, se pregunto en calquera lugar de Galicia polo pulpo, mandaríanme ao Carballiño. Se o fago pola empanada, remitiríanme a Chantada. Se falo de melindres, nomearán Melide. E se digo pan, dirán que Ousá ou Cea. Tan só uns poucos saberán que todos estes manxares foron e son en boa medida patrimonio lemavo e monfortense, hoxe esquecido nun recuncho da memoria, pode que por ignorancia ou tibieza, pecados dos que nos representan dende o alto dos mulidos tronos das administracións.

Quizais sexa por iso polo que consentimos coma chacuecos que se refiran a nós como Lugo sur privándonos do noso apelido? Somos Terras de Lemos!! A denominación Lugo Sur, non existe, é un invento coma o día dos namorados. Se hai un lugar que mereza o nome de Meca das empanadas este é sen dúbida Monforte e máis a súa contorna. Non só pola cantidade de fornos, privados e industriais —máis que en toda Castela—, senón pola variedade de empanadas únicas lemavas. Dende a humilde zoca de cebola ata a empanada de papuxas, sen esquecer as de zorza, polo, carne ou coello, a de molexas, a de iscos e chourizo, a de xoubas, as de congro ou bacallau e, coma non, a de anguías de caneiro. Seguro que falta algunha outra nesta curta lista. Por xustiza e tradición, Monforte debería celebrar a meirande festa da empanada de toda Galicia.

Monforte foi a única cidade de Galicia con catro feiras ao mes, con varias ducias de pulpeiras presentes, coa man esquerda encalecida de escorrer miles de racións recién saídas do caldeiro. Cidade mestra no secado do pulpo ao oreo, séculos antes de que o conxelador axudara a quebrarlle o nervio. Quen non sabe en Monforte distinguir un pulpo da ría dun do banco canario ou dun coreano? Creo en verdade que, se falamos de pulpo e feira, témolo que facer en Monforte e na súa contorna, por pleno dereito.

Emilia Pardo Bazán refírese a aos melindres de Monforte como exemplo de finura, no prólogo do Picadillo, biblia gastronómica galega editada nos albores do século pasado. Amendoados que agasallaron e abriron portas de nobres e bispos. Non debemos esquecer a nosa tradición pasteleira. Non había voda que se prezara sen unha torta da Pementa, forno artesán onde os follados, cremas pasteleiras, brazos de xitano e milfollas non tiñan igual.

Teño unha amiga panadeira que di que poñer pan industrial ou de baguette nunha mesa monfortense é un crime, é traizoar o noso rico legado. Nos fornos lemavos cócese dende o pan gramado elaborado coas mais refinadas fariñas, ata as nosas ricas barras feitas con trigo do país, sen esquecer as deliciosas bolas de centeo ou millo. Alguén dá máis?.

Mágoa que con todo este legado gastronómico-cultural non sexamos quen de figurar nas guías que anuncian grandes celebracións neste país chamado Galicia.