A emocionante necrolóxica dunha muller de Monforte: «Nunca poderemos esquecela»

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

Concepción López González, fotografada no barrio monfortino da Compañía e cos Escolapios ao fondo
Concepción López González, fotografada no barrio monfortino da Compañía e cos Escolapios ao fondo CEDIDA

A familia de Concepción López González réndelle homenaxe no anuncio do funeral

02 feb 2024 . Actualizado a las 16:35 h.

«A señora Concepción López González, máis coñecida como a Concha do Molete, finou o día quince de xaneiro aos 96 anos de idade». O comezo é o habitual en calquera nota necrolóxica, pero a súa familia sentiu a necesidad de comunicar o seu pasamento a amigos e coñecidos dunha maneira máis completa, cun contido que fixese máis xustiza a unha muller creativa, divertida e moi querida. O resultado parécese máis a un obituario, pero condensado no limitado formato das notas necrolóxicas de papel que se poñen nos sitios públicos. Así foi como circulou estes días por Monforte, e así emocionou a moitos dos que a leron.

«Naceu en Mourelos, parroquia de Reigada, o dezanove de maio de 1926. Foi na casa dos Reque, á que pertencía a súa nai, Carolina González Doce. Criouse na Reitoral das Fontes, xuntos aos seus pais (el era Antonio López González) e os seus once irmáns (sobreviven Pedro e Carmiña). Aos quince anos coñeceu a Antonio Rodríguez (o Antonio dos Rapelo de Chavaga), co que casou aos dezasete. Tiveron tres fillos (Rosendo, Maricarmen e Antón). Pasou case toda a súa vida en Monforte de Lemos (rúa Leopoldo Calvo Sotelo 71, 6º). A súa capacidade artística e fabuladora, o seu humor, eran parellas á tradición que nela confluía co galego no seu máximo brillo (aprendeu o Fogar de Breogán aos oito anos na Escola de Bascós). a súa memoria perdurará nos libros e no recordo das persoas que a amaron e coñeceron, netos bisnet@s, sobriñ@s, familia política, amigos e veciños.

As súas últimas palabras foron ‘O pasado non pasou / o pasado está aínda por pasar'. Nunca poderemos esquecela, nin o río levará máis auga que xenerosidade tiñan as súas mans».

O autor do texto desta necrolóxica é Antón Lopo, un dos tres fillos da finada. «É unha especie de obituario dunha persoa a que eu quixen moito e á que quero, porque sigo falando dela en presente». Escribiuno inmediatamente despois da morte da súa nai, case «como unha necesidade, unha urxencia». Nese momento pareceulle necesario facelo así e non como unha esquela ao uso. No Tanatorio Monforte, onde tivo lugar o velorio, tiveron que reimprimila varias veces porque a maioría dos que pasaron por alí para lle dar o pésame á familia quixeron quedar cunha copia.

No texto que anuncia o funeral de Concepción López González hai moito de cariño de fillo, pero tamén de recoñecemento á figura na que Antón Lopo recoñece unha influencia fundamental nel como autor. «A miña nai era unha señora moi ocorrente, moi teatreira —conta—, e as súas voces axudáronme dalgún xeito a construír a miña cerna de escritor».

A principal ferramenta

Novelista, poeta, ensaísta, autor teatral e editor, en moitas das páxinas escritas por Antón Lopo continúa viva a súa nai. «Cando digo que súa memoria perdurará nos libros —explica—, refírome, entre outros, ao libro Cociñando ao pé da letra, coordinado por Yolanda Castaño e que contén un texto feito pola miña nai e máis eu, e de maneira moi especial a Terminalidade», o libro co que gañou no 2022 o premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, e que está «construído en boa medida no que foron o último ano de coidados da miña nai, que estaba xa nunha situación moi limitada, moi difícil».

Pero a creatividade non é a única herdanza que Antón Lopo recibiu da súa nai. Tamén lle agradece a ela o galego, a lingua na que el construiu toda a súa obra literaria: «Ela deume a máxima ferramenta, o idioma co que eu traballo».

O funeral por Concepción López González celebrouse este 17 de xaneiro na igrexa de Reigada. Despois do oficio relixioso, foi enterrada no cemiterio desa parroquia, en presencia da súa familia e dos moitos amigos e veciños que se quixeron achegar para se despediren dela.