«O maior reto para un técnico de Monforte é adestrar ao Lemos»

luis conde MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

LUIS CONDE

O preparador vese capacitado para revertir a situación que atravesa o equipo

06 oct 2022 . Actualizado a las 21:10 h.

Con tan só 25 anos, Óscar Moure asume conxuntamente co ourensán Adilson a responsabilidade de dirixir ao Lemos ata final de tempada. Este tándem substitúe a Josito, que presentou a súa dimisión o martes a última hora da noite. Moure, con experiencia no fútbol base —adestrou a varios equipos do Calasancio—, non dubidou en asumir esta responsabilidade, e cando o presidente lle dixo se quería ser adestrador do Lemos, a resposta foi un si.

—Sorprendeuno que a directiva pensase en vostede para dirixir o Lemos?

—Sempre é unha sorpresa, e para un rapaz de 25 anos dirixir un histórico do fútbol galego é o máximo.

—Como foi esa chamada?

—Cando se produce a dimisión de Josito chamoume o presidente do Lemos e díxome se quería ser o adestrador do equipo. Non o pensei dúas veces, e xa lle dixen nese intre que si.

—Vaia lío en que se meteu.

—Para nada. Estamos na xornada cuarta, polo que non hai que alarmarse. Estamos vendo como equipos que tiñan que ser diferenciais na categoría xa pincharon, o que demostra que esta é unha categoría complicada. Como xa lle dixen aos futbolistas, a situación é reconducible. E sei que os fichaxes poden aportar moito. Adilson máis eu imos sacar ao Lemos adiante.

—Como cualifica o reto?

—É un reto apaixonante e moi ilusionante. Para calquera adestrador de Monforte o máximo é dirixir ao Lemos, porque como xa dixen, é un histórico do fútbol galego, e dá prestixio.

—Esta plantilla é suficiente para conseguir a permanencia?

—A plantilla é boa, aínda que posiblemente teñamos que reforzala, e máis vendo que haberá futbolistas como Santi Real e Nacho Rivero, que serán baixa durante bastantes meses.

—Entón, haberá fichaxes?

—Non están descartados, sempre é cando a oportunidade de mercado que xurda se adapte aos parámetros económicos do club e os xogadores que podan vir marquen a diferenza.

—Cales serían os postos a reforzar?

—Agora mesmo, a nosa prioridade serían un dianteiro e un central.

—Que mensaxe lle trasladou aos futbolistas?

—A miña primeira mensaxe foi transmitirlles tranquilidade. Imos darlle a enerxía que non tiña a plantilla nestas primeiras xornadas de campionato. E podo dicir que seremos competitivos contra calquera rival.

—Vostede cando xogaba tiña carácter, polo que a idea é trasladarllo ao plantel según di, verdade?

—Durante moito tempo, un gran amigo meu como é Juan Fabeiro díxome que eu coma xogador era moi intenso, e o que tratarei é de inculcarlle esa intensidade aos meus futbolistas.

—Chamouno dende que soubo a súa fichaxe polo Lemos?

—Si que me chamou. Díxome que se alegraba moito e desexoume sorte nesta nova aventura na miña carreira como adestrador.

—Como será o Lemos de Moure e Adilson?

—O que temos que ser é moito máis prácticos. Temos que ser moi rochosos defensivamente, intensos e agresivos sen balón. Con nós vaise ver un Lemos que atacará moito. De todos os xeitos, teño que dicir que farán falla varias xornadas para que o que pretendemos se vexa reflectido sobre o terreo de xogo.

—Preocúpalle o feito de adestrar a futbolistas que o superan en idade?

—Para nada. E no Lemos xa ocorreu isto, con Edu no banquillo. Todos temos que saber diferenciar o noso rol, e neste ámbito non hai idades. Se aceptei esta oferta é porque me vexo capacitado para adestrar ao Lemos e sacar a nave adiante. O que ten que haber é respecto duns a outros.

—Dende o minuto un de Josito como técnico houbo diferenzas con algúns xogadores, aceptará vostede opinións da plantilla con respecto ao seu método de traballo?

—Eu son un técnico pechado cunha idea clara, pero por suposto que estou aberto a escoitar aos meus futbolistas. Sei o que quero do meu equipo, e teño claro que haberá que adaptarse ao perfil dos futbolistas que temos. O que é innegociable é o compromiso.

—O domingo chega o equipo das Pontes?

—Rival difícil, pero ao que tentaremos gañar, que sería importante pola cuestión anímica. O cambio de adestrador virá ben, porque así os xogadores póñense en alerta. E moitos dos que se sentían titulares terán esa dúbida de se entrarán ou non no once inicial. Quero a todos os futbolistas enchufados.

—Que mensaxe lle traslada á afección?

—Que estean tranquilos, que imos sacar isto adiante. Que apoien ao equipo.

—Josito dixo que hai plantilla para lograr a permanencia, pero non para estar entre os oito primeiros.

—Non vou falar diso. O paso das xornadas poñeranos onde merezamos.