Rescatan a obra clásica de Antonio Casares sobre a viticultura galega

MONFORTE DE LEMOS

Portada da edición orixinal do libro de Antonio Casares, reproducida na reedición que se acaba de publicar
Portada da edición orixinal do libro de Antonio Casares, reproducida na reedición que se acaba de publicar FRANCISCO ALBO

Un estudo pioneiro do científico monfortino reedítase por primeira vez desde 1843

28 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira publicación da editorial soberina A Libraría da Proencia non é unha creación recente, xa que aparece na primeira metade do século XIX. Trátase dunha reedición —en versión galega— do libro Observaciones sobre el cultivo de la vid en Galicia, publicado en Santiago en 1843 polo químico Antonio Casares Rodríguez, nado en Monforte en 1812 e falecido en 1888. A tradución galega correu a cargo do profesor e viticultor soberino Xesús Verao e o texto orixinal está precedido dun estudo da historiadora monfortina María Luísa Losada Sanmartín, que dedicou a súa tese de doutoramento ao célebre científico.

O libro inclúe un texto que non figuraba na edición orixinal. É un discurso titulado Importancia real de la riqueza vinícola de Galicia, que Casares pronunciou en 1886 nun congreso sobre agricultura e pesca e que foi reproducido máis tarde na Revista de Amigos del País de Santiago. Nesa conferencia, Casares expresou o seu convencemento acerca das posibilidades de futuro da viticultura galega e avogou pola creación dunha estación vinícola que experimentase coas diversas variedades de vide.

A responsable da editorial, Paula Vázquez Verao, sinala que a obra de Casares está considerada como un dos primeiros traballos científicos sobre a viticultura en Galicia —se non o primeiro de todos—, polo que presenta un excepcional valor histórico. «Que nós saibamos, esta obra nunca se volveu editar, a pesar do interese que ten para a historia da viticultura galega e da relevancia que segue tendo hoxe», di a editora.

No seu libro, Casares catalogou os diferentes tipos de uvas que se cultivaban no territorio galego nesa época, entre as que figuran variedadades que se foron recuperando nos tempos actuais —como o albarello, a treixadura, o godello ou o albariño—, entre outras menos coñecidas.

Antes da filoxera

Vázquez sinala por outro lado que o libro de Casares publicouse cando aínda non se propagara a praga da filoxera, que causou incalculables danos nos viñedos e provocou enormes cambios na viticultura en Galicia e en toda Europa. «A obra é moi interesante nese sentido, porque nos permite ver como era o mundo vitícola galego antes de que se producisen esas grandes transformacións», comenta. Entre eses cambios que se rexistraron a raíz da praga figura a introdución da mencía, unha variedade de uva que hoxe ocupa un lugar predominante nos viñedos da Ribeira Sacra. «Resulta moi curioso ver que Casares non mencionou a mencía entre as castes de uva cultivadas en Galicia aínda que seu estudo é moi sistemático e rigoroso», engade.

A obra mostra o profundo interese que mostrou Casares polas aplicacións prácticas das ciencias. «Foi un pioneiro no enfoque científico da viticultura galega, pero tamén no estudo dos mananciais de auga mineral por exemplo», di Paula Vázquez.

«Creo que este libro pode dar pé a moitos debates a pesar da súa antigüidade»

A responsable da editorial que recuperou o libro de Casares rexenta desde hai algún tempo unha librería na parroquia soberina de Proendos

—Como surxiu a idea de publicar este libro?

—Foi durante unha conversación que tivemos algúns membros da asociación cultural O Colado do Vento cando estabamos precisamente nun viñedo, na que estaba presente o enxeñeiro agrícola Javier Vivirido Salgado. Vivirido é un gran admirador da obra de Casares e sempre anda con fotocopias deste libro. A obra está dixitalizada e pódese acceder a ela en internet, pero pareceunos interesante recuperala en papel e nunha edición modernizada e comentada.

—É casualidade que o libro apareza cando están a punto de comezar as vendimas?

—Que apareza neste momento é unha coincidencia, pero imos esperar a que acaben as vendimas para facer as primeiras presentacións públicas en Sober e Monforte, porque moitas persoas ás que lle pode interesar este libro estarán ocupadas coa colleita durante as próximas semanas. Nas presentacións haberá coloquios co público e creo que esta obra de Casares pode dar pé a moitos debates hoxe en día a pesar da súa antigüidade.