En marcha as obras no aparcamento do hospital de Monforte: así é o seu peche por fases

Carlos Cortés
Carlos Cortés MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

Este lunes está cortada la mitad del estacionamiento del hospital que está más próxima a la salida hacia la calle Corredoira
Este lunes está cortada la mitad del estacionamiento del hospital que está más próxima a la salida hacia la calle Corredoira CARLOS CORTÉS

O proxecto inclúe a mellora do firme e a apertura dun acceso novo cara ao camiño dos Codesos

03 may 2022 . Actualizado a las 16:50 h.

O aparcamento do Hospital Público de Monforte está en obras desde este martes a primeira hora da mañá. Os traballos consisten fundamentalmente na substitución do firme vello por unha nova capa de rodaxe e na apertura dun acceso novo cara a ronda urbana no extremo do hospital máis próximo ao edificio multiusos e o cruce coa rúa San Pedro. A consecuencia destas obras, ata principios da semana que vén vaise reducir a dispoñibilidade de prazas de estacionamento no recinto do hospital. A do hospital é, despois do centro, a zona do casco urbano de Monforte que soporta máis movemento de coches e ten unha maior demanda de prazas para estacionar nos días laborables.

As obras que acaban de comezar son as que anunciou a Consellería de Infraestruturas o pasado mes de febreiro. Trátase dun proxecto que dispón dun orzamento un pouco por debaixo dos 450.000 euros e que ten como obxectivo a mellora e ampliación de prazas nos estacionamentos públicos de catro hospitais públicos da provincia de Lugo: o de Monforte, o Hula e o de Calde en Lugo, e o da Costa en Burela. No caso do hospital de Monforte, vaise incrementar moi pouco o número de prazas. Ademáis da mellora no asfalto, o principal cambio será o novo acceso, que permitirá tanto entrar como saír do aparcamento a través do camiño dos Codesos, unha rúa estreita que une a ronda urbana e a rúa Corredoira por detrás do hospital.

Pero antes de que rematen, as obras van ter unha incidencia directa no tránsito de vehículos que xera a actividade do hospital de Monforte. Usuarios e traballadores deben ter en conta que o aparcamento vai pechar por fases entre este martes e principios da semana que vén. O plan de traballo da empresa prevé que o último día de asfaltado sexa o luns ou o martes da semana que vén, e que a partir de aí non quede máis que a colocación da sinalización vertical e o pintado da horizontal.

Plano coas zonas do aparcamento do hospital afectados polas distintas fases das obras que comezaron este martes
Plano coas zonas do aparcamento do hospital afectados polas distintas fases das obras que comezaron este martes

Plan de traballo para estes días. Peches en cinco fases

  • Fase 1. Martes, 3 de maio. Peche ao tránsito e asfaltado da saída do estacionamento cara a rúa Corredoira e os dous bloques de prazas situados máis preto dela. Ás dúas da tarde do martes será pechado o paso tamén dos outros bloques de estacionamento desta zona, os máis próximos á entrada principal ao recinto do hospital.
  • Fase 2. Mércores, 4 de maio. Asfaltado dos tres bloques de aparcamento xunto á entrada principal ao recinto.
  • Fase 3. Xoves, 5 de maio. Asfaltado do novo acceso ao camiño dos Codesos e da rampla de urxencias. Mentres teña que pechar a porta de urxencias, o acceso a este servizo farase pola entrada principal.
  • Fase 4. Venres, 6 de maio. Peche e asfaltado da rampla de acceso á porta principal do hospital. Mentres teña que estar pechada a entrada principal, o acceso farase pola porta do servizo de rehabilitación.
  • Fase 5. Luns, 9 de maio. Primeiro día de asfaltado da rúa principal do recinto, a de entrada desde o cruce coa Corredoira e Irmáns Dapena que pasa pola fachada principal do hospital. Está previsto facer primeiro o asfaltado do carril de entrada e despois (ese día ou o seguinte) o do carril de saída. O aparcamento nesa rúa estará pechado xa desde o domingo.