O Centro Dramático Galego representa en Monforte «O charco de Ulises»

La Voz

MONFORTE DE LEMOS

Un momento da representación da obra «O charco de Ulises» polo Centro Dramático Galego
Un momento da representación da obra «O charco de Ulises» polo Centro Dramático Galego CEDIDA

A función ofrecerase este xoves no auditorio do edificio multiusos

16 nov 2021 . Actualizado a las 12:35 h.

O edificio multiusos de Monforte de Lemos acollerá este xoves unha representación da obra teatral O charco de Ulises polo Centro Dramático Galego (CDG). A función comezará ás 20.15 horas e as entradas poderán adquirirse desde unha hora antes. A peza, orixinal de Santiago Cortegoso, foi estreada o 14 de xaneiro no Salón Teatro de Santiago, onde estaba previsto que se mantivese en escena durante catro semanas, pero as representacións tiveron que suspenderse no seu tramo final por causa da pandemia. A función de Monforte forma parte dunha xira do CDG que comezou en Tui a principios deste mes e que pasará en total por vinte concellos de Galicia e do norte de Portugal. Monforte é o primeiro municipio da provincia onde se representa este espectáculo, que se ofrecerá os días 9 e 12 de decembro, respectivamente, nos auditorios municipais de Lugo e Vilalba.

A obra O charco de Ulises, segundo indican desde a concellería de Cultura de Monforte, «sitúa o clásico de Homero nun contexto transatlántico» e desenvolve «un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético». Deste xeito —engaden— «a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Bos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico». A dirección do espectáculo corre a cargo de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, e o elenco está formado polos actores Fran Paredes, Inés Salvado, Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Caamaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero.