«Queremos consolidar ao equipo na Preferente Autonómica»

MONFORTE DE LEMOS

JOSÉ CAMPOS

O máximo mandatario do club non descarta máis reforzos ao longo da liga

17 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Jorge Rodríguez debuta esta tempada como presidente do Atlético Escairón. Aos 46 anos, o novo máximo mandatario do club do Saviñao encara o proxecto na Preferente con ilusión e con ganas. O seu principal obxectivo é asentar o equipo na categoría, aínda que o seu soño sería levalo a medio e longo prazo a outra superior. Rodríguez xa está impaciente porque chegue o partido de mañá contra o Santaballés.

-Que o levou a asumir a presidencia do Atlético Escairón?

-A min sempre me gustou o fútbol, e de feito presido as escolas deportivas do Saviñao. De feito, eu xoguei no Lemos xuvenil con Lucho de adestrador. No seu día, Joaquín González xa quixo incorporarme a directiva, pero non o fixen, porque non quería trocar a caza polo fútbol. Pero nesta ocasión convenceume Jorge, que me animou, e como estou xubilado din un paso adiante.

-Mañá comezan a liga contra o Santaballés, como se presenta esta tempada?

-A tempada véxoa ben. Os rapaces están moi motivados e unidos para comezar a competición. Teñen moitas ganas de retomar o campionato e de volver gozar do fútbol. Queremos comezar a liga con vitoria ante o Santaballés, porque iso daranos confianza e motivará aínda máis aos nosos futbolistas.

-Teñen a plantilla que querían?

-Entendo que si. Na plantilla hai 25 futbolistas, que son 26 se contamos a Julito que está lesionado. Fixemos un esforzo importante para formar un equipo amplo e con calidade. É verdade que pode faltar por completar algún posto, pero en principio comezaremos co que temos, e logo en función de como vaia a competición e se hai algunha necesidade tentaremos ir ao mercado. Sempre estaremos en disposición de reforzar o equipo.

-¿Cal é o obxectivo do Atlético Escairón?

-O noso principal obxectivo é a permanencia na Preferente, porque queremos consolidarnos nesta categoría, pero se deramos ascendido sería aínda mellor.

-¿Como ve esta Preferente?

-Moi difícil, porque todos os equipos reforzáronse ben. Aí están Lemos e Sarriana, que conformaron grandes plantillas. Pero nós iremos partido a partido para chegar ao noso obxectivo. Os nosos futbolistas loitarán ao máximo en cada encontro para sacar os tres puntos. A este Escairón non será doado superalo en ganas e en intensidade.

-Apostaron por un técnico de garantías.

-Así é. Estamos falando de Julio Corral, que está facendo un gran traballo. Xa demostrou nos clubs nos que estivo a súa calidade. Foron moitos ascensos os que acadou, e cando non o logrou sempre tivo aos seus equipos na zona alta da clasificación. A nosa confianza nel é total e absoluta, e como lle dixen en moitas ocasións, queremos que sexa o adestrador para toda a tempada.

-Cal é o orzamento do Atlético Escairón?

-O noso orzamento ascende a 60.000 euros.

-Como o cobren?

-Coas achegas dos socios, que son 250, e cos recursos que nos proporcionan as institucións e as empresas e firmas comerciais do Saviñao. O Concello é o que máis nos da.

-Responden as empresas?

-Sabemos que pola pandemia moitas empresas e negocios non o están pasando ben, pero aínda que sexa menos, todas fan as súas achegas, o que agradecemos profundamente.

-É caro ser socio do Escairón?

-Coido que non. Os socios pagan polo carné anual 50 euros, e os protectores 100.

-Valoraron a posibilidade de que o club conte nun futuro máis ou menos inmediato con categorías inferiores?

-Sería o desexable, porque nos permitiría contar con futbolistas da casa para nutrir o primeiro equipo, pero non é doado, porque cada vez hai menos nenos no Saviñao. Nas escolas temos 30, pero algúns veñen de Monforte. Pero recoñezo que nos gustaría.

-Que mensaxe lle traslada á afección?

-Pídolles que arroupen ao equipo e aos rapaces. Posiblemente, unhas veces perderemos e estaremos tristes, pero outras, que serán a maior parte das veces, gañaremos e estaremos contentos. Sabemos que o público do Saviñao é fiel, e estou seguro que nos apoiará toda a tempada.