«En Monforte estamos hospitalizando agora xente desde os 20 aos 80 anos»

c.c. MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

Manuel López Reboiro é o coordinador do equipo que atende aos pacientes con covid-19
Manuel López Reboiro é o coordinador do equipo que atende aos pacientes con covid-19 CEDIDA

Manuel López Reboiro coordina o equipo que atende aos pacientes con covid-19 no hospital

01 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel López Reboiro é o coordinador do equipo que atende aos pacientes con covid-19 no Hospital Público de Monforte. Sobre a súa designación, bromea con que é o máis apropiado porque ademais de ser o máis novo do servizo de medicina interna e non ter ningunha enfermidade, o seu grupo sanguíneo é cero negativo. «Hai estudos que din que os teñen este grupo sanguíneo teñen mellor prognóstico en caso de contaxio», explica.

-É soportable a presión asistencial neste momento en Monforte?

-De momento si. Está habendo bastantes ingresos. Esta semana tivemos oito pacientes, pero dispoñemos de catorce habitacións, que en principio usamos de maneira individual, pero que en realidade son dobres.

-Crecerá o número de ingresos?

-Eu persoalmente penso que se vai incrementar, si. Oxalá me equivoque, pero cos casos que se comezaron a detectar a mediados de outubro e coa chegada do tempo frío o normal é pensar que imos ter máis. A presión asistencial sempre chega dúas ou tres semanas despois de que comecen os diagnósticos.

-Están preocupados pola situación nas residencias e nos demais centros asistenciais?

-Si, sobre todo pola residencia de Bóveda. Estamos a recibir continuamente ingresos procedentes dese centro.

-Dispoñen de medios suficientes?

-De momento, si. Tempos equipos de protección individual suficientes, pero tamén é certo que os consumimos rapidamente. Hai que cambialos cada vez que se entra e se sae en cada habitación. Médicos somos suficientes, pero enfermeiras temos tres neste momento e elas están un pouco máis xustas.

-Cambiaron os perfís dos pacientes con respecto á primeira onda?

-Si, a nivel xeral chegan pacientes máis novos e con menos pluripatoloxías que os da primeira onda. E aquí en Monforte tamén o estamos a ver. A idade media entre a xente que ingresa e non vén dunha residencia é menor que antes e están moito menos cargados con outras doenzas. Estamos hospitalizando xente de todas as idades, entre os 20 e pico anos e os 80.