Os museos da provincia de Lugo: un protocolo máis alá das mascarillas e o hidroxel
MONFORTE DE LEMOS

A rede limita os aforos e traballa con visitas guiadas e cita previa
23 ago 2020 . Actualizado a las 12:56 h.As directrices que a Rede Museística Provincial puxo en marcha para facer fronte á expansión do coronavirus van máis alá do uso obrigatorio da máscara nas súas instalacións e da constante impregnación das mans en xel hidroalcohólico. Os catro edificios que o tecido lugués ten en Monforte, Lugo, San Cibrao e Friol, que reabriron as súas portas o 26 de xuño, levan traballando dende aquela baixo uns rigorosos protocolos de seguridade, tanto internamente como de cara aos visitantes e turistas que reciben a diario.
«Temos a necesidade de coidar á xente que pasa polas nosas salas, evitamos a toda costa organizar calquera evento que supoña un risco, tanto para eles como para nós», indica Encarna Lago, directora da rede. Para cumprir con esta pretensión, dende os museos provinciais deseñaron unhas normas de concordia en prol da saúde colectiva, que pretenden ser un modelo a seguir para garantir a protección de traballadores e usuarios. «Non queríamos ser restritivos, senón que a xente vise que o facemos polo seu ben», matiza a responsable dos espazos.
Neste contexto, reforzaron o sistema de visitas guiadas e estableceron como obrigatoria a compañía dun membro do equipo técnico dos centros durante os percorridos. Do mesmo xeito, os aforos están limitados a dez persoas por quenda e incluso existe a posibilidade de facer microgrupos familiares ou de amigos, en función das circunstancias de cadaquén. Alén diso, é obrigatorio que os visitantes soliciten cita previa antes de acceder ao interior dos museos e, no caso de ser varios, que especifiquen o número exacto de participantes. Segundo explicou Encarna Lago, isto último «é esencial» para facer un rexistro preciso e poder localizar aos turistas no suposto de detectar un caso positivo.
As visitas duran 75 minutos e, antes de que entre o seguinte grupo, o persoal da rede leva a cabo un exhaustivo proceso de desinfección. «Actúase nos aseos, no ascensor e sobre todas as superficies pisadas durante o percorrido anterior», aseguran dende a dirección.
Tamén á entrada dos edificios se fan tomas constantes de temperatura e se poñen a disposición dos turistas centros de hixiene, polos que é imprescindible pasar antes de acceder ás instalacións.
Pese á dureza duns protocolos en persistente actualización, pois modifícanse semanalmente en función da situación e da incidencia do covid-19 na zona, aínda hai a quen lle custa asumir as medidas ditadas. «A xente vén de vacacións e esquece que hai unhas normas que cumprir», lamenta Encarna.
Sen folletos en papel
Os trípticos e folletos de sala impresos que adoitaba entregar o museo para secundar as visitas quedan agora relegados ás pantallas e soportes virtuais. A información facilítase mediante códigos QR, cuxo contido está dispoñible en máis de 17 idiomas. A plataforma tamén brinda unha opción de lectura doada, para aquelas persoas con algún tipo de discapacidade, e conta con pictogramas dixitais ao alcance dos usuarios que o precisen.
Libros en corentena
Para acudir á biblioteca ou aos arquivos da rede, tamén é preciso concretar cita previa. Ademais, a documentación consultada estará en corentena dez días antes de poder ser empregada de novo.