As xubilacións, o camiño ao peche permanente das escolas de conducir

ánxela jorge vidal / f.a. MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

Un coche dunha autoescola facendo prácticas en Chantada, nunha foto de arquivo
Un coche dunha autoescola facendo prácticas en Chantada, nunha foto de arquivo ROI FERNÁNDEZ

Tres autoescolas de Monforte e Quiroga pecharon por non atopar substitución

08 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos dous últimos anos, as autoescolas Roma e Cabe, de Monforte, e a Ruta, de Quiroga, pecharon por mor de xubilacións que non atoparon ningún interesado para o traspaso. Pese á súa alta actividade durante os meses estivais, as escolas de condución teñen que enfrontarse a problemas como son a necesidade de materiais caros ou a actual masificación de alumnos desencadeada polo confinamento. Estes retos, entre outros, dificultan a aposta da xente nova por estas empresas.

Asunción Arias, directora e profesora da autoescola Lemos en Monforte, apunta como razón do abandono dos centros que «este non é un negocio moi rendible e, ademais, non hai moitos profesores de autoescola. Hai xente co título que, unha vez oposita, traballan noutra cousa». Engade a problemática da privatización e, sobre a formación, destaca que «hai que estudar moito, pagar o curso e atender ás convocatorias. É complicado e tenche que gustar».

Baixa rendibilidade

Tamén sobre a baixa produtividade do sector fala Carlos Varela, director da autoescola Rubián: «Os custes son altísimos e a maior parte do ano son perdas». Igualmente, subliña os cambios polos que pasou o funcionamento das escolas nos últimos anos: «Agora temos que dedicarnos a moitas cousas. Xa non chega un permiso B, tes que atender tamén os permisos de transportes pesados e demais. Ademais o volume de xente para baixou un 50%».

Pepe Goyanes, antigo propietario da Roma, recorda cando no 2005 estaban en activo en Monforte, ademais da súa, as autoescolas Cabe, Lemos, Monfortina, Cervera e Rubián. Posteriormente, abriu a Fontiñas, que se mantivo pouco tempo. Para Goyanes, unha das posibles razóns do abandono ten que ver co avellentamento da poboación: «Xa non hai o traballo de antes. A xente nova saca o carné nas cidades nas que estuda e, aquí, a maior parte da poboación é de idade avanzada».

Un aumento da matrícula dos alumnos logo do parón

A «nova normalidade» trouxo consigo a reformulación de todo o coñecido e, entre isto, atópanse as propias autoescolas.

Unha das medidas para garantir a seguridade tradúcese nunha redución do tempo das clases prácticas: a desinfección dos vehículos. No caso da Lemos, ocupan cinco minutos de cada sesión práctica para a ventilación e desinfección dos coches. Ademais, é obrigatorio ?para o profesor e o alumno? o uso constante da máscara dentro dos automóbiles e a desinfección individual.

Na Rubián, esta redución acada os dez minutos e a desinfección vese complementada coa utilización de papel filme para cubrir os asentos e os mandos.

Pese á situación actual, dende a autoescola Lemos, Arias afirma que este «é o ano con máis afluencia de xente». Porén, indica un retraso cos exames da parte práctica e Varela, da Rubián, apunta un «efecto tapón» logo do confinamento: «O problema é que, pese ao número de profesores e vehículos, hai moitos alumnos e pouca marxe».