Institutos de Monforte e Chantada participarán nun programa de formación en idiomas estranxeiros da Xunta

Ánxela Jorge Vidal, F.A.

MONFORTE DE LEMOS

Estudantes de BAC do instituto Río Cabe no primeiro día de clase durante o estado de alarma sanitaria, nunha imaxe de arquivo
Estudantes de BAC do instituto Río Cabe no primeiro día de clase durante o estado de alarma sanitaria, nunha imaxe de arquivo CARLOS CORTÉS

O Río Cabe, A Pinguela e o Lama das Quendas figuran entre os 32 centros galegos elixidos para a iniciativa

28 jul 2020 . Actualizado a las 12:11 h.

 A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional fixo pública a listaxe de centros educativos que participarán, no vindeiro período académico, nun programa de cursos de formación complementaria en linguas estranxeiras para o alumnado, coñecido como Cuale. Cinco dos 32 centros galegos participantes son da provincia de Lugo e, entre estes, figuran os institutos Río Cabe e A Pinguela de Monforte de Lemos e o Lama das Quendas de Chantada

Esta iniciativa permite ao alumnado de centros públicos integrados, institutos de educación secundaria e centros de formación profesional de Galicia preparar -de forma gratuita e fóra do horario lectivo- as probas de certificación das escolas oficiais de idiomas de catro dos niveis de ensinanzas especializadas de idiomas. 

As modalidades nas que se desenvolverá o programa son Cuale A1 -para o alumnado matriculado en terceiro da ESO con todas as materias do segundo curso aprobadas-; Cuale A2 -alumnado matriculado en 4º da ESO, tendo superadas as materias do terceiro curso-; Cuale B1 -para o alumnado de bacharelato, ciclos de grao medio de FP e de grao superior- e o Cuale B2 , para alumnos de bacharelato, ciclos FP de grao superior ou co certificado dun nivel intermedio nun idioma. 

Ao final do curso académico, o profesorado encargado de impartir o programa -docentes de lingua estranxeira de ensinanza secundaria- realizará unhas probas correspondentes a cada nivel. No caso de superar as probas, o alumnado correspondente ao Cuale A1 recibirá un certificado por parte do centro e, nos demais niveis, un certificado de aproveitamento do curso preparatorio para acceder ás probas de certificación das escolas oficiais de idiomas, nas que se poderá optar aos certificados oficiais.