«O que máis atrae ao público son os espazos incribles dos concertos»

ánxela jorge vidal / L. D. MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

CEDIDA

A edición deste ano estará na liña das anteriores pola súa «natureza íntima»

22 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A emerxencia sanitaria trouxo consigo unha nova realidade na que moitas actividades se viron reformuladas ou eliminadas directamente, como acontece cos festivais de música. So algúns casos conseguiron modificar os formatos sen mudar demasiado a súa natureza. O 17° Festival Ribeira Sacra débelle ao seu baseamento «íntimo e exclusivo» a continuación da cuarta edición. Os poucos cambios que se tiveron que aplicar son para o lalinense Carlos Montilla, o seu director, unha oportunidade.

-Para poder realizar o festival dentro da situación sanitaria tívose que mudar notablemente o formato?

-Pola forma dos nosos festivais agardamos ata o último momento para cancelalo, xa que traballamos con espazos amplos e nunca tivemos edicións masificadas. Xa en anos pasados acollemos menos persoas para garantir o coidado da Ribeira Sacra. Esta nova situación o que fixo foi que tivésemos que cambiar certos aspectos. Por exemplo, non poderemos realizar ningunha actividade no parador en Monforte, xa que é inviable por ser reducido. Nesta edición o que queremos é manter a esencia, que a xente que non coñeza a Ribeira Sacra leve unha idea do territorio conectando coa zona. Esta é unha edición cun formato máis pequeno, máis centrada nas persoas e no seu goce e a súa seguridade.

-Que medidas se tomarán para garantir a seguridade dos asistentes e traballadores?

-Temos un protocolo no que nos asesorou un equipo profesional que está traballando no festival. Para o público enviamos un cuestionario para establecer o nivel de risco dos participantes: as súas procedencias, se pasaron o coronavirus, se poderían facer unha proba... Unha vez no festival é obrigatorio seguir as medidas habituais, como son o uso de máscara sanitaria e manter as distancias nos recintos. Tamén facemos fincapé na limpeza de baños e espazos comúns. Haberá persoal auxiliar que velará polo cumprimento da normativa e dos protocolos en todo momento para que sexa unha edición satisfactoria. Cos traballadores seguiremos a normativa de riscos laborais asociados co covid-19.

-Que actividades se realizarán e en que puntos da Ribeira Sacra?

-A actividade central é a música, e a partir desta irase complementando, celebrarase en enclaves como a adega Regina Viarum, o catamarán de Doade ou o miradoiro de Santiorxo, entre outros lugares. Unha das actividades é unha visita guiada pola Reitoral de Gundivós, na que se mesturarán a música, o viño e unha mostra da fabricación da olería de Gundivós. Logo tamén se farán actividades vinícolas, como catas ou rutas polos miradoiros. En todas as actividades do festival é posible descubrir a esencia e o bo facer da Ribeira Sacra.

-Todos os abonos están xa esgotados.

-Esa é unha das motivacións para a continuación do festival. Pese a que algúns dos artistas procedentes do Brasil ou de Inglaterra non puideron formar parte do cartel final, o público seguiu apostando polo festival incluso sen coñecer o programa. Para esas persoas que non teñen a ocasión de vir este ano invitámolas á edición do 2021.

-Cal pensa que é o maior atractivo do festival?

-A parte musical é cada vez menos o factor decisivo para apostar polo festival. O que máis atrae ao público é o formato de día e o feito de estar en espazos incribles, que se saen do común. Tamén a proximidade cos artistas e a confianza proveniente de anos anteriores, xa que a xente coñece os nosos ámbitos estilísticos. Pero o festival tamén conta con riqueza musical, o público busca saír do escenario común e formar parte dun evento exclusivo e íntimo, con actividades paralelas, e apostar ademais pola diversidade no cartel, que vai dende Momboi a Xoel López.