«Queremos homenaxear á xente que fai que o Camiño de Inverno exista»

f. a. MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

José Manuel Ortigueira diante dun paneis da exposición sobre o Camiño de Inverno
José Manuel Ortigueira diante dun paneis da exposición sobre o Camiño de Inverno FRANCISCO ALBO

19 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O fotógrafo e escritor José Manuel Ortigueira Bobillo é o autor das fotografías que forman parte da exposición «Camiño de Inverno de Ponferrada a Compostela» -inaugurada o venres na Casa de Cultura monfortina- e do libro do mesmo título, editado co apoio do plan O Teu Xacobeo e dos concellos de Monforte e Quiroga. Ortigueira é tamén o coordinador do proxecto.

-Como surxiu a idea de organizar unha exposición e editar un libro sobre esta ruta?

-A entidade promotora é a asociación de antigos amigos e alumnos da Universidade de Santiago e o proxecto surxiu no 2016, coincidindo coa oficialización do Camiño de Inverno. Pareceunos oportuno axudar a divulgar esta ruta, que aínda é descoñecida para moita xente. Outro dos obxectivos do proxecto é resaltar a importancia da sociedade e da economía rural, porque esta ruta discorre principalmente por poboacións rurais, aínda que tamén pasa por algunhas cidades.

-Que criterio se seguiu para seleccionar as persoas que aparecen nas fotografías baixo o lema «Heroínas e anfitrións»?

-Mais que retratar peregrinos, preferimos poñer o acento sobre as mulleres e os homes que viven e traballan nas localidades polas que pasa o camiño e que axudaron a recuperar esta ruta histórica. Queremos homenaxear á xente que fai que o Camiño de Inverno exista. Algunhas destas persoas son ben coñecidas, como Aida Menéndez, a presidenta da asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, pero outras non o son tanto, e queremos contribuír a que o seu traballo sexa máis coñecido. Entre elas hai persoas que se encargan de acoller aos peregrinos, que axudan a conservar e divulgar o patrimonio histórico e cultural da ruta ou que manteñen vivas actividades económicas tradicionais destes territorios, como a produción de aceite no val de Quiroga.

-Que impresión sacou dos percorridos que fixo polo Camiño de Inverno para preparar a exposición e o libro?

-Percorrín varias veces todos as rutas xacobeas de Galicia coa asociación de amigos da USC, que conta con grupo de sendeirismo moi activo, e non teño dúbida de que o Camiño de Inverno é unha ruta moi singular, cunha personalidade moi marcada. Hai que ter en conta que é a única ruta xacobea que pasa por todas as provincias galegas e que unha parte moi importante do seu trazado está no territorio lucense. E agora, ademais, atravesa o territorio do xeoparque Montañas do Courel, o primeiro de Galicia. Distínguese con moita claridade das outras rutas polas paisaxes, a xeoloxía, o patrimonio e as xentes das terras que atravesa. É unha ruta moi atractiva para os afeccionados ás rutas xacobeas. Xa sabemos que quen fai o Camiño Francés é fácil que despois se anime a facer outros como portugués ou o inglés, e sen dúbida tamén virán moitos peregrinos polo Camiño de Inverno. Aínda que por agora non é unha ruta moi difundida, eu coñecín no Pico Sacro a un peregrino que pasara varias veces por todas as rutas xacobeas e que xa percorrera o Camiño de Inverno catorce veces, unha cousa incrible.

-Como ve o futuro da ruta de cara ao Xacobeo 2021 e aos seguintes anos?

-Penso que sería necesario artellar un plan de desenvolvemento integral do Camiño de Inverno no que participen as administracións, os axentes locais, a sociedade civil... A ruta necesita un plan de potenciación que non debe limitarse a abrir un albergue aquí e alí, senón que debe atender tamén moitos outros aspectos.